Traballamos a horta…

No curso 2015/2016 Amigos da Terra, Oxfam-Intermon e a Universidade de Vigo (no seu proxecto “Alternativas de alimentación para o Desenvolvemento Sostible” financiado pola Xunta de Galicia) impulsaron as hortas escolares da EEI Monte da Guía, EEI Vilalaura e CEIP Frian Teis.

As hortas foron auténticos espazos de traballo, investigación e participación que nos permitiron achegarnos tanto á agricultura ecolóxica, local e de tempada, como ao desenvolvemento sostible.

Froito dese traballo e da análise da experiencia exitosa na EEI Monte da Guía, é o documento Unha experiencia de Horta Escolar “Cós pes na terra” da EEI Monte da Guía, unha ferramenta flexible de apoio ás mestras e mestres dos centros de ensino e ao resto dos axentes implicados co obxectivo de facilitar a réplica noutros centros educativos.

 

E querémola traballar convosco… en rede

Eco Hortas Escolares

Continuando co traballo anterior e tratando de afianzar e mellorar as experiencias, no curso 2016/2017 pretendemos crear a Rede de Eco Hortas Escolares de Vigo.

A Rede será unha comunidade de coordinación intercentros que posibilitará o traballo conxunto e o intercambio de experiencias utilizando a horta como contexto de aprendizaxe para traballar diferentes áreas do coñecemento:

  • A agricultura ecolóxica, local e de tempada, e o coñecemento do medio natural
  • A sostibilidade global
  • A nutrición e a saúde
  • As habilidades persoais e interpersoais

Para facilitar o traballo aos e ás docentes desde a Rede ofrecerase:

  • Un espazo web para intercambiar experiencias, recursos e aprendizaxes
  • O apoio técnico necesario aos centros educativos en catro momentos ao longo do curso. Estes momentos coincidirán preferiblemente coa posta en marcha e coa recollida da horta de outono-inverno e coa posta en marcha e a recollida da horta de primavera-verán.
  • Unha formación inicial que ofrecerá os contidos precisos para iniciarse no cultivo ecolóxico (planificación e deseño da horta, asociación e rotación de cultivos, calendario de plantación, etc). Abordarase a través dun curso de 12 horas de duración que se impartirá entre os meses de outubro e novembro.
  • Dúas sesións de formación en Educación para o Desenvolvemento ao longo do curso, co obxectivo de promover a reflexión sobre os impactos socio-ambientais do actual sistema alimentario e introducir o enfoque de cidadanía global nos proxectos de hortas escolares.

 

Como podes apoiar o proxecto:

A Rede de Eco Hortas Escolares vai dirixida aos centros educativos vigueses de Infantil e Primaria que xa dispoñan de horta ecolóxica escolar ou que desexen poñela en funcionamento.

  • Se o teu centro está interesado en participar, promoveo e comunícanolo cubrindo este breve: Formulario de Preinscrición
  • Comparte o proxecto en redes sociais (axudanos a que chegue a quen teña que chegar):