| Coñecer o noso medio para conservalo |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 22 Outubro 2010 18:29 |
|
Esta fin de semana levaremos a cabo en As Corcerizas as III Xornadas de Rastros e Sinais da Fauna, unha nova edición deste demandado curso no que utilizaremos métodos de investigación non invasivos para a detección de especies esquivas, como por exemplo, o lobo e o teixugo. Mentres que observar a vexetación é sinxelo, xa que esta forma parte imprescindible da paisaxe, a observación directa da fauna salvaxe no seu medio natural é moito máis complexa, de aí que un dos métodos máis utilizados polos/as naturalistas, sexa a búsqueda e o estudo dos rastros e pegadas dos animais. Nestas xornadas, daremos a coñecer de xeito práctico a actividade dos animais no seu propio medio, á vez que aprenderemos a observar con detemento escenarios, restos e indicios que deixan ao seu paso.
A interpretación dos diferentes rastros e sinais atopados, nos dará a información sobre comportamentos, perigos, hábitos alimentarios ou territorialidade dalgunhas das especies que forman parte do ecosistema da Serra de San Mamede, en Ourense.
Ademais, para a xente que queira aproveitar a fin de semana na Serra de San Mamede, a asociación ofrece servizo de albergue o venres pola noite. |






