| As desfeitas medioambientais de ríos e montes ocuparon a Praza Maior de Ourense |
| Escrito por Raquel Fernández Rodríguez |
| Mércores, 06 Xuño 2012 13:29 |
|
No Día do Medio Ambiente un centenar de persoas de diferentes colectivos da cidade, agrupados arredor da Plataforma Ríos Limpos e co lema Ríos Limpos, Montes Vivos, concentrámonos na Praza Maior de Ourense para denunciar a desfeita medioambiental á que os nosos ecosistemas son sometidos de xeito continuado.
Para visualizar estas problemáticas usamos fotografías de vertidos nos ríos, unha pequena instalación no medio da praza e incluso unha pequena representación teatral, todo aderezado coa fantástica actuación dun grupo de cantareiras que animaron a xornada.
Unha ducia de abelliñas voamos arredor do lixo recollido nas proximidades do río Barbaña, escapando dunha morte segura polas fumigacións con Cascade, un agrotóxico que será prohibido a finais deste ano, e que a Xunta de Galicia pretende autorizar para facer fumigacións aéreas en máis de 100.000 hectáreas de eucalipto afectadas pola praga dun insecto, o Gonipterus.
Despois desta morte simbólica, un grupo de cantareiras e cantareiro ofrecéronnos as súas cantigas antes de proceder á lectura do manifesto, no que se denunciou a lamentable situación na que se atopan os ríos da provincia, o malgasto de cartos en infraestruturas que non chegan a estrearse e a ausencia de respostas das administracións fronte os incendios que arrasan Ourense ano tras ano.
O acto rematou co agradecemento a todas as persoas que asistiron e, especialmente, a aquelas que colaboraron co seu tempo e esforzo na organización da actividade.
Desde Amigos da Terra queremos destacar o traballo de Carla e Marcos na elaboración das pancartas e no atrezzo das abelliñas, así como a estupenda dirección de Inés e, por suposto, agradecer a Lucía a proposta de disfraz e a súa difusión.
Para ver algunhas fotos da xornada |
















