Portada NOVAS Amigos da Terra cuestiona o rigor ambiental das bandeiras azuis.
Amigos da Terra cuestiona o rigor ambiental das bandeiras azuis.
Escrito por Maria Durán   
Luns, 11 Xuño 2012 08:36
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

 

bandeiras_azuisXa están aquí, como cada tempada, as bandeiras azuis das praias e este ano con gran autobombo municipal pois nada menos que 126 bandeiriñas, e porque non se pediron máis, ondearán nos areais galegos.

A proba irrefutable desa excelencia ambiental? pois as propias bandeiriñas en si mesmas.

 

Posiblemente teñamos foto do predisente da Xunta recibindo a caixa de bandeiras, que para eso as paga, e logo cada respectivo alcalde sacará por un día do seu letargo á concelleira ou concelleiro do asunto ambiental para a foto do izado e presumirá de medio primoroso.

 

Na súa orixe, o Ano Europeo do Medio Ambiente 1987, a campaña das bandeiras azuis foi un instrumento da Unión Europea para promover e persuadir a aplicación da directiva europea 76/160 CEE sobre a calidade das augas para o baño nos estados membros. Seguramente recordemos a súa vella denominación de bandeiras europeas, coas estrelas do logotipo nestas, pero quizais non reparemos en que hai 13 anos que desapareceu o distintivo europeo das bandeiras sendo substituído polo logotipo dunha entidade privada.

Ese cambio de logotipos axúdanos a explicar unha aparente contradición: como é posible que un litoral e unhas rías cos indicadores ecolóxicos en situación entre mala e crítica e cunha denuncia europea pola súa alta e reiterada contaminación poida ostentar tal cantidade de distintivos presuntamente ambientais? como é posible que unha praia na que non se pode extraer un croque pola súa toxicidade teña esa bandeira de fondo? A resposta é sinxela, as bandeiras azuis teñen pouco que ver co medio e moito coa promoción turística.

Concretamente en 1.999, tras anos recibindo centenares de denuncias ecoloxistas pola falta de concordancia entre o estado real das praias e a concesión das bandeiras, así como a súa falta de rigor e control, a unión Europea decide retirar o apoio, o aval institucional e o financiamento ás bandeiras azuis. As palabras da entón comisaria europea de medio Margot Wallstrom foron claras e elocuentes: "Os criterios que se seguen para outorgar as devanditas bandeiras carecen do suficiente rigor". Dende entón as bandeiras azuis só contan co respaldo indirecto da federación de municipios e provincias que curiosamente é parte do xurado para a súa concesión, ou o que é o mesmo, xuíz e parte ou o raposo deseñando as medidas de seguridade do galiñeiro. Pero a bóla de neve da promoción turística xa era imparable e a retirada dun aval oficial europeo non detivo o seu crecemento, simplemente pasou a converterse en iniciativa privada.

O seu representante en España é a asociación ADEAC, unha entidade privada que se define como sen ánimo de lucro, aínda que iso si, o programa das bandeiras ten un presuposto anual de case 300.000 euros, supoñemos que para cubrir gastos (a tea das bandeiras debe ser cara) pagados a escote entre o estado e as comunidades autónomas, algunhas delas co seu correspondente tirón de orellas por morosas a falta de instaurar "o cobrador do frac bandeira azul".

Os criterios de concesión, algúns imperativos e outros recomendados, para as bandeiras teñen que ver cos accesos, servizos hixiénicos e dotacións, socorrismo (é rechamante a especial insistencia no socorrismo que teñen), infraestruturas. Estes criterios explican como é posible que praias rexeneradas, portos deportivos, mesmo praias absolutamente artificiais teñan a súa bandeira. Valóranse as campañas de educación ambiental, aínda sendo moi discutible o que consideran como tales campañas (as veces simples roteiros de sendeirismo autoguiados), e finalmente se analiza a calidade das augas para o baño, importante matiz pois clarifica o motivo de que unhas augas contaminadas pero cuxa contaminación non afecte a súa calidade para o baño obteñan igualmente a súa bandeira.

Por iso explícase tamén que as organizacións ecoloxistas estatais e internacionais consideren unha fraude as bandeiras azuis. Nos informes que estas organizacións ecoloxistas publican cada ano sobre o estado de saúde do litoral como "destrución a toda costa " de Greenpeace ou "bandeiras negras" de Ecoloxistas en Acción encontrámonos que moitos destes lugares exemplo de destrución ambiental coinciden con praias nas que ondea orgullosamente unha bandeira azul.

Pero esta marea azul, por suposto sempre “sen ánimo de lucro”, segue subindo e esténdese agora a sendeiros, portos deportivos, socorrismo, eficiencia enerxética etc. cada tempada sorpréndenos cun novo ámbito no que instalar bandeiras. Quizais en breve cheguen as bandeiras azuis para as incineradoras, para cultivos de transxénicos, ou para as centrais nucleares.

Para solucionalo ante todo deberían clarificar o contexto para que ninguén se chame a engano, e explicar claramente que as bandeiras azuis son un distintivo turístico, que inclúe tanxencialmente algúns criterios instrumentais de tipo ambiental entre os seus requirimentos, e que o programa é produto dunha iniciativa privada. É unha promoción turística respectable, especialmente para o concepto Mediterráneo de sol e praia urbanizada que non debería ser o concepto diferencial polo que apostar en Galicia como vantaxe comparativa, pero a propia FEMP debería comezar por recolocar nos seus medios de difusión as devanditas bandeiras do apartado de medio e trasladalas e pasalas a turismo, sería máis coherente en forma e fondo.

Por ser rigorosos debemos dicir, aínda que aos seus promotores non lles guste divulgar esta información, que unha bandeira azul se pode e debe arriar cando non se cumpre algún dos seus criterios imperativos, por exemplo o de mostrar publicamente a información actualizada mensualmente (outro criterio discutible, pois na práctica equivale a solo tres analíticas obligatorias en toda a tempada de verán) das analíticas de calidade para o baño das augas. Esteamos vixilantes de que polo menos ese mínimo control ambiental se cumpre e denunciemos se non se fai. Veremos cantas bandeiras sobreviven ao verán.

E para os que de verdade valoren a calidade ambiental recomendámoslles que tomen como referencia os indicadores ecolóxicos antes que os turísticos e que consulten os informes dos colectivos ecoloxistas que levan décadas denunciando a detrucción do noso litoral, destrucción ao que de certo ten contribuido nunha parte a moda das bandeiras azuis e as suas praias urbanizadas.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

Asociación Amigos da Terra
Plataforma por un Nuevo Modelo Energético
Coalición Clima
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Economía Verde
Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos
Somos Amigos de la Tierra
40 anos de Friends of the Earth International

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.