| Cumio de Río+20: Amigos de la Tierra demanda unha economía ao servizo das persoas e do planeta |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Mércores, 20 Xuño 2012 17:13 |
|
A soberanía alimentaria e a xustiza económica e socio ambiental son claves para canalizar Río+20 polo bo camiño.
Hoxe, 20 de xuño, comeza o Cumio de Nacións Unidas sobre Desenvolvemento Sostible en Río de Xaneiro, unha das citas máis significativas para o medio e a sociedade. Amigos de la Tierra considera necesario que a ONU responda aos intereses das persoas e que acorde medidas eficaces para frear as crises ambiental, social, climática e financeira.
Dende que no Cumio de Río, en 1992, os países se comprometeran a tomar medidas para frear a deterioración ambiental e as inxustizas sociais, na actualidade, son moi poucos os acordos que se alcanzaron. O bloqueo ao que se ven sometidas as negociacións multilaterais para solucionar as crises, vén determinado pola crecente influencia que están a adquirir as grandes empresas en Nacións Unidas, segundo o informe publicado onte por Amigos de la Tierra Internacional.
Por este motivo Amigos de la Tierra insta as delegacións oficiais, especialmente a España, a defender os intereses sociais e ambientais, e apostar por alternativas reais e sostibles a longo prazo, baseadas en criterios sociais e ambientais.
A ONU é o único espazo para afrontar os problemas globais que afectan a toda a humanidade, non obstante, os Estados membros están a tomar decisións baseándose en intereses empresariais, en vez de responder ao interese xeral. Ante esta situación, estase a celebrar o Cumio dos Pobos tamén en Río de Xaneiro, onde participa activamente a sociedade civil, xusto as voces que deberían ser escoitadas e tidas en conta durante o Cumio de Río+20.
A asociación considera que a ONU debe encontrar solucións reais que respondan ao interese dos pobos, baseadas no principio de "responsabilidades compartidas pero diferenciadas", tal e como se acordou hai 20 anos. Pola contra, as multinacionais están a promover a "economía verde" no Cumio, unha iniciativa, que busca eludir unha vez máis a responsabilidade das grandes empresas na deterioración ambiental e social. A proposta baséase en falsas solucións e segue tratando a natureza como unha mercadoría.
Hector de Prado, voceiro de Amigos de la Tierra España, sinalou que "non" é o momento de postergar decisións. Bancos e multinacionais xa usaron o termo "economía verde" como un cabalo de Troia para tomar as negociacións, agora non podemos permitir que os causantes do actual desequilibrio social e ambiental do planeta tamén tomen as decisións en nome dos estados e a xente".
O Cumio de Río+20 debería representar unha oportunidade para poñer fin ao control corporativo na ONU, e lograr un cambio profundo que garanta un futuro para as persoas e a Terra baseados na soberanía alimentaria, a xustiza económica e socio ambiental. |
















