Portada NOVAS Amigos da Terra anuncia que o sector pesqueiro galego non ten futuro si non cambia o rumbo
Amigos da Terra anuncia que o sector pesqueiro galego non ten futuro si non cambia o rumbo
Escrito por Laura Casal   
Luns, 09 Xullo 2012 08:44
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

save_our_oceans_stop_overfishing_poster

De onde non hai non se pode sacar. Parece unha verdade de pé de banco pero sobre este castelo de naipes estase a discutir o futuro da política pesqueira común da Unión Europea.

 

O escenario de fondo é contundente: no ano 2040 o 80% de todas as especies comerciais chegarán ao colapso, é dicir, o mar xa será incapaz de rexenerar a cantidade de biomasa que lle extraemos.

 

É a conclusión dos informes científicos que hoxe están sobre a mesa de negociación. Fronte a ese dato demoledor, lonxe de propoñer un cambio de rumbo radical, o sector pesqueiro galego defende que o impacto socio económico teña tanto peso coma os informes científicos á hora de formular limitacións ao esforzo pesqueiro. Da mesma forma o sector intenta que as poucas medidas de conservación dos recursos que se intentan aplicar para o ano 2015 sexan paralizadas durante cinco anos máis, como o rendemento máximo sostible (pescar como máximo a mesma cantidade que o mar poida recuperar) ou a norma de descartes 0 (prácticas pesqueiras selectivas que só capturen as especies obxectivo respectando ao resto). A realidade por un lado e o sector pesqueiro á deriva polo outro. Que parte da mensaxe de "señores e señoras... quedámonos sen peixes, non hai de onde sacar" non comprenden?

 

Non estaría de máis definir o que entendemos por "o sector" pois se trata dun conglomerado heteroxéneo e con intereses non sempre coincidentes. Nese sector está a mariscadora a pé de Vilaboa e a transnacional Mitsubishi, os grandes buques factoría de altura e a gamela de Coruxo, os arrastreiros de profundidade de Pescanova e o percebeiro de Baiona. Pero no medio destes extremos tamén hai grandes diferenzas entre a chamada frota artesanal (80% do total) que abrangue dende a dorna meca do Grove de 2 metros de eslora que pesca en liña de costa, ata un buque de 30 metros que faena nos bancos do gran Sol. Polo tanto Quen é "o sector"? Quen defende unha pesca sostible?

 

Vigo, como principal porto pesqueiro en fresco, conxelado e procesado de Europa é un bo exemplo deste mal rumbo xeral.

 

Presúmese de contar na cidade coa axencia europea de control de pesca, pero non se comenta que os inspectores pesqueiros da unión europea, os cales realmente controlan as ilegalidades a pé de porto, seguen en Bruxelas. Gústanos ter as oficinas, pero bloqueamos a entrada dos incómodos inspectores. Dicir que en Vigo se inspecciona a pesca, tendo en conta que a cada inspector lle correspondería verificar unhas 200.000 toneladas anuais é sinxelamente unha ficción. Entre outras cousas moitas descargas realízanse cando os inspectores remataron a súa xornada laboral.

 

Nos portos de Vigo, Marín, Cangas, Bueu, Arousa podemos contemplar a cotiá chegada e atraque de barcos incluídos nas listas negras por pesca ilegal reiterada, barcos que seguen recibindo subvencións públicas a pesar dos casos demostrados de ilegalidade.

 

En canto á pesca artesanal, a pesca con dinamita, o furtivismo xeneralizado, a comercialización non regulada e con talles ilegais e a sistemática vulneración das vedas é un espectáculo cotián na nosa costa.

 

Como mostra, a propia frota recoñece que nos últimos anos capturaron cinco veces máis pescada ibérica que a súa cota asignada, e se duplicaron as cotas de cabala e xurelo. Por iso, non por teima, penalízase á frota galega e viguesa que sufrirá no seu conxunto as consecuencias do fraude dunha parte do sector.

 

En 1921 Ernest Hemingway escribe unha artigo para o Toronto Star no que conta a súa breve escala na cidade de Vigo. Foron apenas unhas horas pero unha imaxe quédalle gravada para sempre, o espectáculo de como as augas da ría "fervían" de atúns cando eran cercados polos pescadores. En apenas unhas décadas temos que saír a buscar os últimos atúns a miles de quilómetros, noutro continente e con escolta militar.

 

Como solucionalo:

 

Reducir gradualmente a presión pesqueira, e comezar a facelo agora mesmo pois levamos décadas prorrogando a inevitable decisión, non existe outra alternativa se realmente queremos que o sector, o ámbito do que depende e os empregos que xera teñan futuro.

 

Crear reservas e áreas mariñas protexidas, que en todos os lugares onde se aplican, e existen exemplos en Galicia, demostraron que melloran os rendementos pesqueiros e a calidade de vida dos seus traballadores ademais de respectar o medio mariño.

 

Nunca comprar especies en veda, nin talles ilegais e esixir a etiquetaxe completa que garanta o tipo de pesca do que procede o peixe que consumimos. Denunciemos sempre as ilegalidades, non sexamos cómplices do espolio.

 

Renunciar á acuicultura porque reincide no mesmo erro de base. Ademais doutros impactos supón unha perda neta global: para alimentar un peixe dun quilo nunha granxa acuícola necesítanse entre 3 e 10 quilos de peixe.

 

Os ecoloxistas, en contra da imaxe que perversamente pretende transmitir o sector, somos os principais aliados dunha pesca con futuro e polo tanto os primeiros defensores dos seus postos de traballo e, sobre todo, da continuidade destes ao defender precisamente a continuidade da vida nos océanos e un límite pesqueiro marcado pola sostibilidade. Sinxelamente, sen peixes a pesca é unha entelequia.

 

Hai uns anos vivimos un paradoxo que reflicte a heteroxeneidade do sector pesqueiro dende un barco da organización Greenpeace que denunciaba a sobreexplotación pesqueira nos bancos onde faenaba, tamén, a frota galega xunto a outras europeas. Ao finalizar a campaña, nos portos do Cantábrico e da Costa da Morte o barco era recibido entre aplausos e agradecementos polos pescadores e os seus tripulantes como heroes. Uns días despois a súa seguinte escala era o porto de Vigo, alí o barco foi apedrado, a súa tripulación acosada e convocouse unha masiva manifestación cidadá (apoiada por todas as forzas políticas sen excepción, empresariais e veciñais) esixindo a súa expulsión e que non regresase nunca máis ao noso porto. O barco chamábase, séguese chamando, Esperanza.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

Asociación Amigos da Terra
Plataforma por un Nuevo Modelo Energético
Coalición Clima
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Economía Verde
Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos
Somos Amigos de la Tierra
40 anos de Friends of the Earth International

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.