| Amigos da Terra denuncia outra vez a perda de árbores urbanas de Vigo |
| Escrito por Laura Casal |
| Luns, 16 Xullo 2012 07:44 |
|
O cabalo de Atila galopa pola cidade de Vigo e deixa tras o seu paso un rastro de humanizacións. Se buscamos no dicionario o termo humanizar encontramos que se define como facer humano, familiar e afable alguén ou algo. Moi pouco de afable ten o acto de cortar árbores.
Cando se buscan moitas xustificacións diferentes para algo, especialmente ante unha política de feitos consumados, pode darse o caso de que no fondo sinxelamente non exista xustificación.
Moitas escusas distintas argumentáronse nos últimos anos para xustificar a corta de árbores urbanas na cidade de Vigo: o levantamento de beirarrúas, a rotura de canalizacións, as "molestias" aos veciños, as alerxias, enfermidades, idade, custo das podas. Lamentablemente revisando os casos concretos atopamos que se cortan árbores con aceptable saúde, como na rúa Martínez Garrido, que non provocan molestia ningunha á veciñanza, como en Marques de Alcedo, que non levantan canalizacións nin beirarrúas como na rúa México, que non provocan alerxias, como os famosos chopos de Castelao, exemplares singulares como en Pintor Colmeiro e así poderiamos seguir. A norma xeral é que a corta do arborado parece ser a primeira medida en cada proceso de humanización e así o demostran os casos coñecidos. Sinxelamente córtanse as árbores porque queren, e a explicación, nos poucos casos en que se achega algunha, se produce a posteriori se alguén protesta. Se a devandita explicación non é veraz ou convincente ao cadáver da árbore xa lle serve de pouco consolo.
No ano 1994 o Concello de Vigo publica a ordenanza municipal de protección ambiental, é dicir, unha normativa propia para o coidado do medio na cidade.
Nela dise que as novas zonas verdes manterán aqueles elementos naturais, como a vexetación orixinal existente que, mesmo, pode condicionar o deseño das futuras actuacións. Esa mesma norma recorda que calquera obra nas rúas (canalizacións, beirarrúas, saneamentos etc.) debe realizarse de forma e nos lugares que implique o menor dano ás árbores existentes. En definitiva priorízase sempre a conservación do arborado urbano e só excepcionalmente se contempla, de non existir outra posibilidade, o traslado das árbores para ser replantadas con garantías de supervivencia. A corta é a última opción, sempre de non ser posibles as anteriores.
En calquera caso a contía das sancións, que non se actualizaron dende a publicación da normativa, tampouco serven de moito consolo. Na circunstancia pouco probable de que o Concello de Vigo decidise impoñerse unha multa exemplar a se mesmo por incumprir as súas propias normas a contía máxima a pagar, por unha infracción moi grave, sería de... 90 euros.
Chámanos poderosamente a atención o clamoroso silencio, salvo moi contadas excepcións, das entidades veciñais en moitas zonas afectadas. Tristemente as árbores urbanas non asinan convenios nin teñen adscrición a ningún partido, e así lles vai.
Pero non esquezamos que defender as árbores non é soamente unha obriga moral senón un mandato constitucional. O artigo 45 da constitución reclámanolo colectivamente ao recordarnos que, ademais do noso dereito a gozar dun medio axeitado, temos tamén o deber de conservar.
A defensa do arborado urbano en Vigo non é soamente, aínda que tamén, unha cuestión estética non exenta de certo romanticismo, senón unha defensa da saúde pública. A cidade de Vigo vai superar este ano os niveis de contaminación atmosférica considerados perigosos para a saúde pola OMS. Son precisamente esas árbores as mellores aliadas para combater esa contaminación. Polo tanto cortar unha árbore en Vigo debería considerarse un atentado tamén contra a saúde.
Para como solucionalo:
Algunha vez suxerimos que, tendo en conta os servizos que nos achegan, deberían considerarse vigueses distinguidos.
A pasividade da cidadanía ante a corta das árbores é un indicador contundente da necesidade dunha boa campaña de educación ambiental. Si o Concello de Vigo en lugar de seguir gastando recursos a facer espeleoloxía polas covas de Mondoñedo e no clube de sendeirismo da Concelleira se gastase un pouquiño en divulgar a importancia das árbores urbanas quizais mellorase a nosa calidade de vida: Sen ir máis lonxe a Concelleira do ramo, que sobre este asunto tampouco parece ter opinión, é un bo exemplo da necesidade dunha axeitada educación ambiental. Esa tarefa que segue pendente.
Afortunadamente pouco a pouco algúns veciños empezan a reaccionar. Moi poucos, como vivimos o pasado martes na rúa Martínez Garrido, aínda que ás veces uns poucos defenden a saúde e o medio de todos e o importante é empezar.
Tamén a asociación ecoloxista VERDEGAIA, que leva anos denunciando as cortas inxustificadas das árbores urbanas, comenzou a pasada semana unha campaña de recollida de sinaturas.
Pero temos algún exemplo esperanzador. Na rúa Enrique Lorenzo, na que por certo a árbore histórica (Concello dixit) non é un bidueiro, senón unha araucaria excelsa, cortáronse varias árbores seguindo o coñecido modus operandi ao empezar a "humanización", pero un grupo de veciños e veciñas decidiu defender o seu arborado e, parece ser, finalmente serán "amnistiados" pola motoserra os superviventes da primeira fase de humanización. Esperamos que non sexa unha excepción e que esa pequena rúa viguesa represente o inicio doutra forma de actuar.
A segunda acepción de humanizar é abrandarse, desanoxarse e facerse benigno. Ben poderían nese Concello permanentemente cabreado sentarse á sombra dunha árbore e humanizarse un pouco. |
















