Portada Novas Por unha Asemblea Nacional Constituínte para Honduras
Por unha Asemblea Nacional Constituínte para Honduras
Escrito por Montse Fernández   
Xoves, 28 Xaneiro 2010 12:08

cara_con_bandera_de_hondura

 

Amigos da Terra únese á petición de multitude de colectivos, de non recoñecer o goberno de Porfirio Lobo e esixir á instalación dunha Asemblea Nacional Constituínte que resolva o problema social e político que se vive en Honduras.

 

O pasado 27 de xaneiro, Roberto Micheletti foi substituído na presidencia de Honduras por Porfirio Lobo Sosa, gañador das eleccións do 29 de novembro, convocadas polo goberno golpista.

 

Estas eleccións só foron recoñecidas por pouco máis de media ducia de países, pero o risco xorde tras o apoio prestado pola administración Obama á manobra dos golpistas. A posición agora ambigua da maioría da comunidade internacional, podería decantarse en dar por bo ao novo goberno, a pesar de ser produto dun golpe de estado e, polo tanto herdeiro dunha situación de violación dos Dereitos Humanos, as leis e os acordos alcanzados o 28 de outubro coa resistencia e os representantes do Presidente lexítimo de Honduras, Manuel Zelaya.

 

Este, refuxiado na Embaixada de Brasil dende hai catro meses, manifestou que non claudicará en defender os seus dereitos e os do pobo hondureño", negándose a recoñecer as eleccións e ao gañador destas; ao igual que o Fronte Nacional de Resistencia Popular contra o golpe de estado, que as cualifica como unha manobra "que a oligarquía realiza para lavarse a cara a través dun falso proceso de transición de poder" e que segue esixindo a instalación dunha "Asemblea Nacional Constituínte democrático e popular, de acordo ao dereito soberano do pobo a definir a sociedade na que vive", como instrumento para resolver o problema social e político de Honduras.

 

O apoio dos Estado Unidos, o feito de que Micheletti non transfira directamente o poder e o acordo entre Lobo e Fernández, presidente da República Dominicana, permitindo a viaxe de Zelaya a ese país, non son condicións abondo para recoñecer a un goberno xurdido dunhas eleccións ilexítimas, nas que se abstivo de participar o 70% da poboación, e que culminarían con éxito unha estratexia dirixida a lexitimar o golpe de estado ex post.

 

Amigos da Terra únese as múltiples asociacións e colectivos que esixen un acordo pactado coa resistencia hondureña, que inclúa xustiza para as vítimas da represión, rexeitando a amnistía polos delitos políticos e a violación dos Dereitos Humanos tras o golpe de estado, e a convocatoria dunha asemblea constituínte.

 

Instamos ao Goberno Español a que, mentres non se de cumprimento a estas condicións, non recoñeza o goberno de Porfirio Lobo, mantendo e reforzando as sancións contra os golpistas.

 

Máis información

 

 

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.