Portada Novas Amigos da Terra reclama plans de ordenación e xestión para os humedais galegos
Amigos da Terra reclama plans de ordenación e xestión para os humedais galegos
Escrito por Montse Fernández   
Martes, 02 Febreiro 2010 08:44

humedales_fotos3

 

Amigos da Terra no Día Mundial dos Humedais, sinala a necesidade urxente de deseñar, aprobar e poñer en funcionamento plans de ordenación e xestión polo menos nos humedais galegos protexidos. A maioría dos espazos galegos protexidos carecen destas ferramentas, o que fai inviable a súa conservación a medio prazo.

 

Ademais, esta situación provoca unha inseguridade xurídica que dificulta o desenvolvemento sostible dos espazos protexidos, xerando conflitos coa poboación local sen que, non obstante, se logren previr as numerosas accións ilegais que os degradan constantemente, nin poñer en marcha actuacións planificadas a medio e longo prazo, que cumpran os obxectivos de conservación e sostibilidade polos teoricamente foron declarados.

 

O deseño de plans de ordenación e xestión eficaces (xa que nalgúns casos, se elaboran simples inventarios de especies e lexislación, de escaso valor operativo), dotaría os xestores de ferramentas para planificar as súas accións e recursos a curto, medio e longo prazo, previndo dramáticos erros de xestión como o recente baleirado da Lagoa da Frouxeira, pertencente á braña Ramsar de importancia internacional da Lagoa e Areal de Valdoviño, que demostra o escaso valor que a Consellería de Medio Rural outorga aos humedais de importancia internacional, adscritas a 5 figuras de protección.

 

O tema proposto para o Día Mundial deste ano por El Convenio Mundial para Conservación dos Humedais é: "Os humedais, a diversidade biolóxica e o cambio climático", o que nos recorda o reto de previr os efectos que se producirán nos humedais galegos como consecuencia do cambio climático. Algúns deses cambios afectarán negativamente a sectores claves da economía galega, como a pesca e o marisqueo, que dependen de xeito moi especial da conservación de brañas costeiras galegas pola súa importancia como criadeiros de crías de especies comerciais de peixes ou como zona de alta produtividade marisqueira.

 

Previr os efectos do cambio climático neles, esixe analizar modelos futuros de comportamento dos ecosistemas, pero tamén solucións adaptativas para as sociedades que viven deles. O recente fracaso do Cumio do Clima, na que non se chegou a acordos para unha redución efectiva das emisións de gases de efecto invernadoiro debe de forzar ás sociedades para efectuar esforzos dende todos o niveis: Gobernos, Consellerías, Concellos, Institucións, Empresas e Cidadáns, para facer todo o posible por reducir as emisións ao máximo, pero é unha responsabilidade especial dos gobernos, tomar medidas para minimizar a produción de gases de efecto invernadoiro e o previr e minimizar as súas consecuencias.

 

Nese sentido, Amigos da Terra resalta o potencial que teñen os humedais como sumidoiros de carbono, polo que a súa conservación debería de converterse en estratéxica. Destinar recursos á súa conservación é destinar recursos á calidade de vida e a sostibilidade da sociedade galega.

 

Roteiro pola Lagoa de Antela

Con motivo deste día, dende Amigos da Terra imos organizar para o sábado día 6 de febreiro unha saída de ecovixías, na que faremos unha visita guiada polas zonas das areeiras da Lagoa de Antela, o observatorio de aves e as zonas das veigas, na comarca de Xinzo de Limia. Calquera persoa que desexe participar nesta saída pode poñerse en contacto con Amigos da Terra no 988 374 318 ou mandar un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .

 

Máis información

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.