| Escoita Radio Mundo Real, un proxecto de Amigos de la Tierra Internacional |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 19 Novembro 2010 09:32 |
|
Radio Mundo Real é un proxecto de comunicación alternativa de Amigos de la Tierra Internacional ao servizo dos movementos sociais arredor do mundo, cun enfoque latinoamericano. Este proxecto é levado adiante dende REDES-Amigos de la Tierra Uruguai, en estreita cooperación e coordinación cos grupos de Amigos de la Tierra de América Latina e o Caribe.
Neste sentido, o traballo diario de Radio Mundo Real enfócase na loita dos movementos campesiños e as organizacións indíxenas, as accións polo dereito humano á auga, a denuncia do poder e os impactos das empresas transnacionais, a loita pola xustiza climática, a xustiza ambiental, a resistencia ao avance dos transxénicos e os agrocombustibles, as experiencias de produción e comercio local, o desmantelamento das institucións financeiras internacionais, así como as loitas nacionais e rexionais contra os tratados de libre comercio e de investimentos. Esta información está organizada en seccións temáticas sobre: Auga, Resistencia ao neoliberalismo, Bosques e Biodiversidade, Dereitos humanos, Enerxía e Cambio Climático, Xénero, Industrias extractivas e Soberanía Alimentaria e Transxénicos. Campesiños, indíxenas, damnificados pola actividade petroleira ou mineira, pescadores, traballadores, as vítimas do desenvolvemento, activistas, integrantes de organizacións sociais, principalmente ambientalistas, son algúns dos actores aos que da voz Radio Mundo Real. A base do funcionamento de Radio Mundo Real é a converxencia tecnolóxica: a través de internet difundir materiais que poden replicar radios comunitarias. Ao mesmo tempo, o carácter de radio web, fai que a información se presente tanto en formato escrito como de audio, o que fai que se produzan materiais non só para ser oídos, senón tamén para ser lidos e distribuído por correo electrónico, republicados noutras páxinas web e enviados en boletíns electrónicos. Radio Mundo Real considera fundamental dar voz aos movementos e organizacións que xeralmente son silenciados polos medios de comunicación corporativos. A cobertura das actividades directamente dende o lugar onde suceden busca entón que a radio sexa unha caixa de resonancia das posicións, as loitas, as formas de pensar e sentir, e as propostas do movemento global de oposición ao neoliberalismo e o capitalismo, nas súas diversas formas. Radio Mundo Real realizou dende o seu nacemento en 2003 decenas de coberturas especiais. Entre elas destácase a presenza en varias das instancias do proceso Foro Social Mundial e de Cumio dos Pobos, no Foro Mundial sobre Soberanía Alimentaria en Malí, en febreiro de 2007, e nas actividades paralelas ao Cumio de Nacións Unidas sobre Cambio Climático (COP 13) en Indonesia, en decembro de 2007. |
















