Portada NOVAS As ONG ecoloxistas reclaman a Rajoy un forte compromiso co Medio Ambiente
As ONG ecoloxistas reclaman a Rajoy un forte compromiso co Medio Ambiente
Escrito por Maria Durán   
Xoves, 15 Decembro 2011 09:33
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

grupos-ecologistasAmigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF reclaman ao novo Goberno un forte compromiso co medio ambiente como garante de futuro

A lexislatura que agora comeza é unha lexislatura crave, que terá como escenario unha profunda crise financeira e económica agravada polo declive do actual modelo enerxético provocado por pasar o pico do petróleo, o impacto crecente do cambio climático, a perda acelerada de biodiversidade e un déficit ecolóxico cada vez máis grave e evidente.

 

A protección decidida do medio ambiente forma parte da solución á crise múltiple que vivimos, tamén á económica.

A conservación da biodiversidade permitirá o mantemento de servizos ambientais básicos e revitalizar sectores primarios como a pesca ou a agricultura; as enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética posibilitarán reducir a nosa dependencia do petróleo e do exterior; deixar de investir en infraestruturas ruinosas e infrautilizadas permitirá destinar máis fondos públicos á educación, a sanidade, a protección da natureza ou a creación de empregos respectuosos co medio ambiente; unha fiscalidade ambiental forte achegará novos fondos e achandará o cambio cara a un modelo compatible coa capacidade real do planeta; e o cumprimento das leis ambientais e a profundización na democracia e a transparencia inxectará osíxeno na vida pública e axudará a recuperar a confianza da cidadanía na clase política.

As cinco organizacións están convencidas de que a solución a estes desafíos nunca chegará da man de novos recortes sociais, nin limitando os escasos medios e recursos que hoxe se dedican á innovación para a sustentabilidade, á protección do medio ambiente ou á axuda ao desenvolvemento, nin postergando aínda máis a toma de decisións para avanzar nunha economía baixa en carbono, nin sacrificando a nosa biodiversidade e o noso capital natural coa esperanza dunha saída rápida e en falso da crise. Tamén consideran imprescindible a existencia dun Ministerio de Medio Ambiente cun forte peso no Goberno para emprender o camiño cara a unha sociedade baixa en carbono e sostible, única saída economicamente viable a longo prazo e ambiental e socialmente xusta.

Entre todas as medidas que o novo Executivo debería pór en marcha na próxima lexislatura, as organizacións ecoloxistas de ámbito estatal destacan 25 agrupadas en catro bloques:

Descarbonizar a economía e protexer o clima

Implantar obxectivos de redución de emisións máis ambiciosos que o Protocolo de Kioto, mediante unha Lei de Cambio Climático.
Reducir a demanda total de enerxía un 30% (respecto de 2007) e que a contribución das renovables sexa de, polo menos, un 30% en 2020.
Pechar as centrais nucleares fixando a súa vida útil en non máis de 30 anos. Abandonar os plans de cemiterios nucleares ata que exista un calendario de peche das centrais.
Non dilapidar máis fondos en novas infraestruturas innecesarias de transporte, hidráulicas, etc.
Aprobar unha Lei de Mobilidade Sostible que, en 2016, reduza un 20% o tráfico por estrada e limite as emisións dos novos automóbiles comercializados.

Descontaminar pola saúde das persoas

Reducir a 0 antes de 2015 a porcentaxe da poboación que respira aire contaminado segundo os parámetros legais (31% en 2010).
Fixar obxectivos anuais cuantificables para reducir o uso de recursos naturais e a xeración de residuos.
Aumentar as porcentaxes e a calidade da reutilización e a reciclaxe de residuos.
Aprobar unha estratexia española de química sostible.

Protexer a biodiversidade, o mellor investimento

Cumprir o Plan Estratéxico de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
Asegurar a xestión e financiamento suficiente da Rede Natura 2000, beneficiando á poboación rural.
Incentivar o aluguer e a rehabilitación de vivendas con criterios de sustentabilidade, fronte á propiedade e a nova construción.
Non modificar a Lei de Costas.
Asegurar o futuro do sector pesqueiro español, defendendo unha Política Pesqueira Común que recupere, antes de 2015, todas as pesqueiras e os seus ecosistemas.
Cumprir cos compromisos de protección do medio mariño, completando a Rede Natura 2000 mariña e a Rede de Áreas Mariñas Protexidas ata alcanzar, polo menos, o 10% da superficie dos nosos mares antes de 2020.
Fixar un prezo real da auga, que reflicta os custos de extracción, transporte e purificación.
Clausurar o 100% das captacións ilegais de auga en España nos próximos 4 anos.
Apostar polo mundo rural defendendo unha nova Política Agraria Común (PAC) baseada na biodiversidade, o comercio local, a produción extensiva e os pequenos agricultores e agricultoras.
Prohibir o cultivo de transxénicos.

Sustentabilidade: máis aló da protección do medio ambiente

Rexeitar calquera recorte social e/ou ambiental a nivel orzamentario e de dereitos.
Aprobar unha Lei de Fiscalidade Ambiental que promova patróns de produción e consumo responsables.
Impedir que a actividade das empresas españolas no estranxeiro cause atropelos sociais ou ambientais.
Aprobar unha Lei de Transparencia das Administracións Públicas que asegure a correcta xestión e participación en todos poderes públicos.
Reformar o sistema xudicial para que garanta o debido respecto ao medio ambiente sancionado na Constitución.
Reforzar o Ministerio de Medio Ambiente e garantir a participación pública a través do Consello Asesor de Medio Ambiente (CAMA).

Pero, máis aló das políticas, o novo Goberno tamén terá que tomar decisións sobre toda unha serie de proxectos emblemáticos que serán un indicador da súa vontade política cara á sustentabilidade.

As organizacións ecoloxistas destacan:

Derrubar o hotel do Algarrobico en Almería.
Descartar definitivamente o proxecto de refinería en Terra de Barros, Badaxoz.
Paralizar as obras do Porto de Granadilla en Tenerife.
Paralizar definitivamente o proxecto de dragado do Guadalquivir.
Restaurar os terreos contaminados por Fertiberia en Huelva.
Non construír o encoro de Biscarrués en Huesca.
Paralizar o polígono das Aletas en Cádiz.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

Asociación Amigos da Terra
Plataforma por un Nuevo Modelo Energético
Coalición Clima
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Economía Verde
Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos
Somos Amigos de la Tierra
40 anos de Friends of the Earth International

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.