Portada NOVAS AVE ou tren? Amigos da Terra denuncia os impactos do "supertren"
AVE ou tren? Amigos da Terra denuncia os impactos do "supertren"
Escrito por Maria Durán   
Luns, 25 Xuño 2012 08:48
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

AVE

Todo é discutible... agás o AVE. Os distintos axentes, sociais, políticos, económicos empresariais teñen diferentes e posturas a veces incluso antagónicas... agás co AVE.

O Tren de Alta velocidade (AVE) converteuse en dogma de fe e como tal escapa ao pensamento racional, ou se acepta como verdade absoluta ou caes na herexía, a un paso da condea a morrer na cacharela.


España é o segundo país do mundo, tras China, en quilómetros de AVE, líderes de Europa que mesmo duplicamos os quilómetros de alta velocidade de Alemaña, pero este dato en lugar de servirnos para reflexionar se non estaremos a volvernos tolos ben ao contrario é festexado polo conxunto da clase política e empresarial que pide aínda máis, e máis, e máis.

 

Un tren convencional moderno supera comodamente "só" os 250 Km/h pero o número máxico de velocidade a superar é 300. Por debaixo deses 300 Km/h todo e “lento”, todo e atrasado, todo e tercermundista e todo impide o desenvolvemento económico da nosa terra. Pero por eses 50 Km/h de diferenza que separan a velocidade alta da AVE, é dicir, por apenas 20 minutos menos en chegar de Vigo ou Coruña a Madrid o salto económico, tecnolóxico e ambiental dispárase á estratosfera. Para alcanzar esa velocidade vertixinosa, á que non chegará nunca no interior de Galicia, o seu radio de curvas debe case duplicar ao dun tren convencional, e os seus desniveis deben ter un incremento mínimo por cada 10Km. Por iso esnaquiza ao seu paso todo o que toca do noso xa moi lacerado territorio e por eso os poucos recortes que sufriu a infraestructura idolatrada se traduciron en relaxar os xa moi laxos controis ambientais. Dende a AVE galego contemplaremos o espectáculo da natureza que o propio AVE destrúe.

 

Quizais deberiamos saber que segundo o PEI (plan español de infraestruturas) cada quilómetro da AVE Vigo-Madrid nos custará como mínimo 40 millóns de euros (25.000 millóns en total), e o seu mantemento anual será de 100.000 euros por quilómetro de vía aberta, concretamente só o mantemento do túnel de entrada a Vigo roldará os 300.000 euros anuais Quen dixo crise?.

 

O AVE en todas as fases do seu desenvolvemento, de principio a fin dende a planificación nunha mesa de debuxo ata a xanela na que finalmente compraremos o billete non é caro, é carísimo. Quen pagará o supertrén?.Dicir que nesta época de crise e rescates esa cantodade inmensa de diñeiro sairá da sanidade, os salarios, as pensións, a educación e por suposto o medio ambiente pode considerarse demagoxia, pero a realidade é… que sae de aí. Quizais debería priorizarse ese investimento multimillonario noutras áreas, pero por unha vez o conxunto das forzas políticas están de acordo: o AVE é indiscutible e innegociable custe o que custe, a única discrepancia limítase a culparse uns a outros polos atrasos na chegada deste supertrén que da noite á mañan por arte de maxia nos situará en vangarda da modernidade.

 

Como divindade o AVE encóntrase por enriba do ben e do mal, xa non digamos ambientalmente. Un exemplo son os continuos vertidos ao río Maceiras, reiteradamente denunciados e reiteradamente continuados. A causa son as obras da AVE na súa entrada a Vigo, polo tanto benditos sexan as verteduras.

 

Pero ao final as contas acaban saíndo, concretamente saíndo mal. O primeiro trazado da AVE en Galicia, o Ourense-Coruña, sendo aínda realizado nun tren Avant convencional, é dicir, máis barato que cando chegue o tren AVE, acaba de anunciar unha rebaixa de prezos porque se encontraron con apenas o 30% dos viaxeiros previstos, o seu custo que case triplica o do tren convencional o converte en prohibitivo para a cidadanía común. Recén inaugurado e xa a administración empeza a cubrir as perdas igual que xa comezan por outras comunidades a pecharse estacións, frecuencias e liñas. O AVE, por se non nos decataramos aínda, é un tren de luxo, para ricos.

 

Nada reflicte mellor o noso AVE que a xenial película dos irmáns Marx, na que ao berro de ¡máis Madeira, máis madeira!! o propio tren é queimado na caldeira para manter a súa velocidade.

 

Hai un ano filtrouse un documento do Ministerio de Fomento no que se analizaba a posible rendibilidade do AVE galego. No mellor e máis optimista dos casos prognosticábase un máximo de tres frecuencias diarias (quizais só unha Vigo-Madrid). O propio Ministerio apuntaba que construír o AVE é o gran negocio, para os de sempre, pero o seu funcionamento e mantenemento será ruinoso.

 

Cando a burbulla das infraestruturas viarias explote, co AVE á fronte (e a deflagración será tanto ou máis seria que a inmobiliaria), recorden todos os sectores políticos e sociais que levan anos esixindo o AVE a berros. Serán exactamente os mesmos que dirán que eles xa sabían que aquilo era unha tolería.

 

Os mesmos que loitarán a empuxóns por atopar un recunchiño na foto inaugural do AVE, cun sorriso de orella a orella bicando o fociño do supertren ó lado dalgún membro da realeza serán os que dirán que eles xa advertiron que ese invento sería unha ruína para este país de países. Hai rostro para iso e para máis, por iso a falta de fe quédannos as hemerotecas que levamos décadas gardando.

 

Para como solucionalo:


É tarde para evitar impactos e dispendios. A proposta orixinal dos colectivos ecoloxistas e de defensa do ferrocarril de utilizar esa inmensa cantidade de recursos en establecer unha dobre vía electrificada para toda a rede ferroviaria galega con trens convencionais (pero modernos) nin sequera entraba na imaxinación da clase política posuída pola ansia de velocidade.

 

Desta forma o tren, tradicionalmente o medio de transporte ecoloxicamente máis sostible deixa de ser un auténtico elemento para vertebrar o territorio, non hai máis que calcular o tempo que nos levaría unha viaxe en ferrocarril por exemplo entre Vigo e Mondoñedo.

 

Potenciar os trens de proximidades, que comunicasen eficaz e axilmente todo o interior de Galicia, non só o eixe Vigo-Santiago-Coruña modernizando as súas infraestruturas e parque móbil devolvería ao tren o seu papel primordial no transporte que a AVE só conseguirá eliminar.

 

Porque entre outras cousas tamén do ferrocarril convencional e de proximidades saen os fondos para pagar a AVE.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Cambio Climático
Plataforma por un Nuevo Modelo Energético
Coalición Clima

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.