| Día Mundial da Loita contra a Desertificación e a Seca |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 17 Xuño 2009 07:58 |
![]() Hoxe celébrase o Día Mundial de Loita contra a Desertificación e a Seca, unha data para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de loitar contra un dos problemas medioambientais máis graves ao que nos enfrontamos, xa que xera pobreza, fame e afecta á saúde das persoas. Enténdese por desertificación o proceso polo cal un territorio que non posúe as condicións climáticas dos desertos, termina adquirindo as características destes. As variacións climáticas, os incendios, as inundacións, a contaminación e a actividade humana son os principais factores que favorecen a destrución da cuberta vexetal e a erosión do chan. Na actualidade, a desertificación afecta a máis de 110 países e cada ano pérdense 6 millóns de hectáreas de terra produtiva, o que ten un efecto directo no benestar dos pobos e no desenvolvemento económico dos países. España é o país europeo con máis extensión de zonas con risco de desertificación, sendo as rexións de Castilla – La Mancha, Andalucía e Murcia as que ten maior ameaza. Galicia non figura entre as zonas españolas en perigo, aínda que segundo os expertos, de non reducirse as emisións de gases de efecto invernadoiro, a nosa comunidade pasará a ser no futuro unha zona mediterránea con enclaves atlánticos. Ademais afirman, que a desertificación en Galicia non será climática, senón “edáfica”, polo proceso de perda de chan e a aparición de roca que é “inhábil para a vida” e que os incendios forestais que, por desgraza, sufrimos cada ano, terán un papel importante nesta perda. Para Amigos da Terra, a solución non require de grandes tecnoloxías, senón dun cambio na actitude dos cidadáns e gobernos fronte ao cambio climático e da aplicación dunha auténtica política sostible, en materia enerxética, forestal, agrícola e hidrolóxica, que garanta a conservación e defensa da biodiversidade e dos chans. |



