Portada Novas Amigos da Terra demostra que é posible reducir as emisións nun 40% para 2020 en Europa
Amigos da Terra demostra que é posible reducir as emisións nun 40% para 2020 en Europa
Escrito por Montse Fernández   
Xoves, 03 Decembro 2009 09:37

091203_cumio_copenhagueSegundo un novo estudo, unha solución xusta, é económica e tecnicamente alcanzable con vontade política.

A unha semana de iniciarse o Cume internacional sobre cambio climático en Copenhague, o Instituto de Medio Ambiente de Estocolmo, en colaboración con Amigos da Terra Europa, presentou un estudo que demostra por primeira vez que Europa pode alcanzar un obxectivo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro do 40% para 2020.

 

A investigación, titulada O papel de Europa no Reto Climático: accións internas e obrigacións internacionais para protexer o planeta [1], demostra como Europa pode recortar as súas emisións internas nun 40% en 2020 e nun 90% en 2050 en relación aos niveis de 1990. Segundo a ciencia este é o obxectivo mínimo en termos de escala e tempo para poder evitar unha catástrofe climática. É ademais a maneira de que Europa cumpra coa súa responsabilidade histórica de causar o cambio climático.

 

A través dun modelo exhaustivo que examina os diferentes sectores emisores, o estudo describe unha folla de ruta completa sobre como Europa pode conseguir estes obxectivos mediante a combinación de melloras en eficiencia enerxética, unha retirada paulatina de combustibles fósiles paralela a un cambio cara ás enerxías renovables e cambios no estilo de vida. Por exemplo en materia de enerxía, o modelo expón aumentar a porcentaxe de enerxía renovable desde un 10% en 2010 a un 22% en 2020 e 71% en 2050. Os cambios de hábitos contemplados inclúen por exemplo o incremento no uso do transporte público e a implantación de vehículos eléctricos. No escenario proposto, os sectores que máis contribúen ao descenso das emisións en 2050 son o transporte (aproximadamente o 30% das reducións), electricidade (25%) e calefacción (10%).

 

O informe calcula tamén o custo do escenario exposto: estímase que entre 2010 e 2020 os custos de mitigación en Europa corresponderían a un 2% do PIB europeo (111 billóns de euros), o que equivale a 2 euros por persoa e día, tal e como se resalta noutros estudos sobre mitigación.

 

Estas accións permitirían alcanzar unha maior igualdade entre os países europeos posto que os cambios nos patróns de crecemento económico axudarían a pechar a brecha entre as nacións ricas e as máis pobres.

 

O Doutor Charles Heaps, científico do programa de enerxía e clima do Instituto de Medio de Estocolmo, e autor principal do informe, declarou: “A nosa análise mostra como os recortes severos de emisións son alcanzables economicamente de aquí a 2050 mesmo sen asumir grandes melloras tecnolóxicas. A escala e o ritmo dos cambios poderían parecer desalentadores e efectivamente requirirán grandes cambios para a economía europea, pero o custo potencial de non facer nada é tan grande que esta é a única alternativa viable para o continente.” O Dr. Heaps traballou en política enerxética e cambio climático desde hai 20 anos e desenvolveu tamén o programa informático que se utiliza no estudo.

 

Por outra banda, a investigación estima a parte do financiamento cara aos países do terceiro mundo que sería xusto que a UE asuma, para que poidan combater o cambio climático. En efecto, incluso alcanzando os obxectivos expostos neste estudo, non conseguiriamos previr o perigo do quecemento global. Por tanto, a UE e outros países responsables do quecemento global deben apoiar aos países en desenvolvemento na súa loita contra o cambio climático. Á UE corresponderíalle achegar un financiamento de entre 150 e 450.000 millóns anuais até 2020 (entre o 1 e o 3% do PIB), o que significa entre 1 e 3 euros diarios por persoa.

 

Segundo Alejandro González, responsable da área de Cambio Climático e Enerxía de Amigos da Terra España: “Este estudo demostra que Europa pode asumir a parte que lle corresponde segundo unha repartición xusta dos recortes globais de emisións. Unha redución do 40% para 2020 é económica e tecnicamente factible sen recorrer a solucións perigosas ou non comprobadas. As propostas políticas actuais non son suficientemente ambiciosas. Necesitamos un cambio profundo na política e a determinación dos gobernos europeos. A UE pode facer estes recortes de maneira que se mellore a calidade de vida das persoas no continente e asegúrese o dereito das persoas pobres do mundo ao desenvolvemento sustentable.

 

Máis información

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.