Portada Novas A Conferencia do Clima da ONU remata sen adoptar o "Acordo de Copenhague"
A Conferencia do Clima da ONU remata sen adoptar o "Acordo de Copenhague"
Escrito por Montse Fernández   
Luns, 21 Decembro 2009 16:53

091221_COPEN_XUSTIZA_CLIMAT

 

 

Os países ricos negáronse a subscribir un acordo forte e xusto no marco da ONU para frear o cambio climático.

 

Nnimmo Bassey, presidente de Amigos da Terra Internacional, declarou que “tentouse mostrar Copenhague como un auténtico éxito, pero foi un fracaso. Non se fixo xustiza, e o aclamado “acordo político”, tal e como se prevía, condena a millóns de persoas dos países pobres á fame, ao sufrimento e á morte, mentres o cambio climático agrávase. A culpa deste desastre é dos países industrializados”.

 

O pasado día 19, no que as conversacións sobre cambio climático finalizaron oficialmente, Amigos da Terra Internacional advertiu sobre as falsas conclusións que a Conferencia Climática da ONU adoptara co seu "Acordo Climático".

 

O Acordo de Copenhague, anunciado o pasado día 18 polo presidente dos EE.UU Barack Obama, non foi aprobado polas delegacións das Nacións Unidas reunidas na Conferencia climática. Non obstante, estas delegacións toman nota da existencia deste acordo pero sen darlle forza algunha.

 

Hoxe, os países ricos, encabezados por EE.UU, premen ás nacións máis pobres para que se saian do proceso seguido pola ONU e asinen este acordo. Estes países coaccionan aos máis pobres baixo a ameaza de que, se se negan a asinar o acordo, perderán a cota de 100 millóns de dólares que os países desenvolvidos se comprometeron a doar para compensar o impacto climático que causaron.

 

Os funcionarios das Nacións Unidas están a loitar por imaxinar que é o que o acordo pode significar e como pode relacionarse co proceso da ONU, non obstante, o que está claro é que, a pesar destes esforzos, este acordo non foi asinado polos 192 países membros da CMNUCC (Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático).

 

Coa sinatura do Acordo, os países pobres quedarían desprazados do proceso de negociacións lexítimo que ten lugar baixo os auspicios da ONU.

 

Os Estados Unidos están desesperados por proclamar o éxito de Copenhague, que agora ameaza con destruír o actual proceso climático e deixar a un lado os últimos 20 anos de negociacións multilaterais reais.

 

Nnimmo Bassey, sinalou: "Primeiro EUA chegou a Copenhague sen nada que ofrecer e agora está a intentar lograr que o débil, defectuoso e inxusto "Acordo de Copenhague" saia adiante substituíndo o proceso da ONU e, ademais, coaccionando aos países pobres para iso. O Presidente Bush ignorou o proceso da ONU e agora Obama corre o risco de destruílo. "Os países que pretenden unha solución xusta e efectiva ao cambio climático non deberían asinar este ilexítimo 'Acordo de Copenhague' que distrae a atención do proceso. Deberían, non obstante, asegurar o rápido retorno ao proceso formal da ONU para lograr un acordo xusto, forte e legalmente vinculante o antes posible antes do próximo ano. Os países en desenvolvemento demostraron un gran liderado e non deben renunciar á CMNUCC polo 'Acordo de Copenhague".

 

Amigos da Terra Internacional foi clave na organización do cume alternativo do clima para a sociedade civil, o Klimaforum, xunto a Vía Campesiña e a Marcha Mundial das Mulleres.

 

Que fallou en Copenhague:

 

- Os países ricos non se comprometeron a unha redución de emisións do 40% en 2020 respecto dos niveis de 1990. Estes recortes han de ser internos, sen recorrer a solucións inefectivas, como a compensación ou os Mecanismos de Desenvolvemento Limpo.

- Os países industrializados non recoñeceron en ningún momento a existencia dunha débeda climática de hai décadas.

- Aínda se inclúen os bosques como iniciativas de compensación, no canto de concentrar esforzos en solucións realmente eficaces. Neste sentido, a exclusión das plantacións do concepto de bosque foi outra das omisións dentro do acordo.

- A enerxía nuclear ou os agrocombustibles, tamén falsas solucións, inclúense no texto como alternativas aos combustibles fósiles, cando en realidade agravan o problema.

 

Máis información

 

Asi mesmo, dende Amigos da Terra queremos mostrar o noso apoio a Juan López de Uralde, director de Greenpeace España, e aos outros tres activistas desta asociación, encarcelados por defender el clima en Copenhague.

 

Asinar petición de liberación

 

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.