| Quinto concurso anual de fotografía Amigos da Terra Internacional |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 03 Febreiro 2010 12:24 |
|
Amigos da Terra Internacional comprácese en anunciar o seu quinto concurso fotográfico anual, o cal se levará a cabo este ano, por primeira vez, en colaboración con La Vía Campesina e o Movemento de Vítimas, Afectados e Afectadas polo Cambio Climático (MOVIACC).
Este concurso fotográfico internacional reunirá fotografías provenientes de todo o mundo, centradas no tema "Accións de solidariedade e construción de movementos para o cambio". As mellores fotografías formarán parte das publicacións destas organizacións e movementos sociais, incluíndo o calendario 2011 e unha exposición fotográfica internacional.
Que tipo de fotografías estamos a buscar? O tema do concurso deste ano xurdiu da nosa confianza no grande impacto que ten o traballo en conxunto á hora de construír un mundo mellor.
A xente actúa en solidariedade cando se une para apoiar mutuamente as súas loitas. Este proceso significa responsabilidade, compromiso e, para moitas persoas en todo o mundo, unha gran valentía. Sen solidariedade, os movementos non poden crecer e provocar o cambio que están a esixir os cidadáns do mundo.
Nos últimos anos, fomos testemuñas dun grande aumento no número de movementos para o cambio social e ambiental. Estes movementos mobilizan persoas que rexeitan o modelo actual de globalización económica neoliberal e a destrución do medio, e que avogan por un mundo en paz, xusto e sostible. A medida que aumentan de tamaño e se fortalecen, estes movementos representan un serio desafío ao modelo continuísta que prefire que todo siga como ata agora e que explota as persoas e ao medio.
Para este concurso, buscamos fotografías de persoas traballando solidariamente para provocar cambios, así como fotografías de movementos sociais en acción. Incluímos algunhas ideas sobre temas para ambas as dúas categorías das fotografías, pero esperamos que usen a súa imaxinación á hora de tomar fotos e presentalas.
Categorías das fotografías presentadas Accións de solidariedade Dentro desta categoría, buscamos fotografías que capturen a esencia da solidariedade entre a xente. Por exemplo, persoas entrando en sintonía e apoiándose mutuamente, sen ter en conta idade, raza, sexo e clase, para alcanzar unha meta en común. A solidariedade significa valor, emoción e colaboración. A ver se poden reflectir isto nunha fotografía!
Movementos para o cambio Dentro desta categoría, buscamos fotografías que capturen a fortaleza, o poderío e a paixón dos movementos para o cambio social e ambiental. Poden incluír marchas, manifestacións, protestas, vixilias, accións directas non violentas, ocupacións, festivais, etc.
Quen pode participar? O noso concurso está aberto a todas as persoas, e estimulamos especialmente a participación de mozos, mulleres e persoas que viven en países en vías de desenvolvemento.
Cal é o prazo para presentar fotos? A data límite de recepción de fotografías é o 1° de abril de 2010, pero valoramos a entrega de fotos o antes posible!
Quen é o xurado? O noso panel de cualificadores inclúe a:
· Akintunde Akinleye, gañador do primeiro premio do World Press Photo 2007, de Nixeria (www.akintunde1.com).
· Peter Menzel, xornalista gráfico norteamericano e autor de "Planeta Famento: O que o mundo come" (www.menzelphoto.com).
· Daniel Beltrá (España, radicado en Seattle, EUA), especialista en fotografía ambiental e da natureza, e laureado no World Press Photo 2007 polo seu traballo sobre plantacións de soia e a deforestación na Amazonía. (www.danielbeltra.com)
· G.M.B. Akash, fotógrafo de Bangla Desh, Gañador do primeiro premio do concurso de fotografía de Amigos da Terra Internacional 2006. (www.gmb-akash.com).
· Kadir van Lohuizen, laureado xornalista gráfico holandés, autor de Diamond Matters (www.lohuizen.net).
· Luis Romero, xornalista gráfico Del salvador que traballa para a axencia Associated Press.
|






