| Pídese aos gobernos que se afasten do comercio de carbono nas negociacións sobre o clima |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 29 Novembro 2010 12:05 |
|
Con motivo das negociacións sobre clima das Nacións Unidas que comezan hoxe 29 de novembro, en Cancún, Amigos de la Tierra Internacional pídelle aos gobernos que rexeiten o papel dos mercados de carbono nos acordos internacionais sobre clima.
Amigos de la Tierra desprazou unha delegación internacional para seguir as negociacións, e premer dentro do cumio e no exterior con mobilizacións para esixir avances reais aos países ricos na loita contra o cambio climático. Amigos da Terra Internacional esixe que se deteñan os procesos de comercio de emisións e mercantilización dos bosques. Así os países ricos deben comprometerse a un 40% de redución de emisións internas e ao financiamento e á transferencia de recursos aos países empobrecidos.
"Por culpa dos ataques á multilateralidade do proceso no marco de Nacións Unidas e a falta de vontade política seguimos sen un acordo internacional que garanta unha actuación xusta e efectiva para evitar as peores consecuencias do cambio climático. Para empezar a Unión Europea debe recuperar o seu liderado e dar dunha vez o esperado paso para comprometerse a reducir polo menos un 30% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro para 2020. É algo que a propia Comisión Europea recoñeceu que hai que facer e que é, ademais, beneficioso economicamente. É inadmisible que España aínda non apoiase publicamente unha actuación máis ambiciosa", declaraba Alejandro González da área de Cambio Climático de Amigos da Terra. Pola súa banda, Héctor de Prado, coordinador das mobilizacións no exterior, nas que participa Amigos de la Tierra, contaba que "na área de Cancún se habilitou o Diálogo Climático, un verdadeiro foro que expresa a voz da sociedade civil, que os representantes políticos se empeñan en silenciar e botar das negociacións. Non obstante, ata aquí acudiron caravanas de activistas para esixir Xustiza Climática, e as alianzas dos movementos sociais sairán fortalecidas aquí. "
O comercio de carbono non produce unha redución real das emisións. Constitúe unha distracción que nos afasta das accións reais para abordar as causas estruturais do cambio climático. Os países desenvolvidos deberían reducir as súas emisións de carbono drasticamente a través de cambios nacionais reais, non comprando compensacións doutros países.
As propostas relacionadas coa Redución de Emisións provenientes da Deforestación en Países en Desenvolvemento (REDD) están a progresar rapidamente, e córrese o risco de que estas se vinculen aos mercados de carbono. Isto faría que os países desenvolvidos paguen por proxectos de compensación que basicamente privatizan os bosques dos países en desenvolvemento para poder comprar o dereito a contaminar. Os sistemas de compensación do carbono de bosques poñen en risco o dereito de propiedade das comunidades locais por sobre os bosques e evitan que os países industrializados ricos realicen as reducións de emisións necesarias a nivel nacional.
|






