|
Escrito por Montse Fernández
|
|
Venres, 03 Decembro 2010 19:45 |
|

Novo informe de Amigos de la Tierra: "Os Mercados de Carbono para o financiamento climático: Perigos e Alternativas". A delegación da Unión Europea nas negociacións de clima da ONU en Cancún está a premer para que os mercados de carbono desempeñen un papel importante en xerar financiamento climático para os países empobrecidos.
A delegación da UE afirmou que quere que o Banco Mundial xogue un papel destacado no Fondo Mundial para o Clima que debería asignar este diñeiro. Amigos de la Tierra Internacional discute os perigos desta postura e explica fontes dispoñibles máis xustas e efectivas de financiamento para o clima neste informe.
O comercio de carbono non é fiable, os seus benefcios non se comprobaron, e sobrecarga inxustamente aos países empobrecidos coa responsabilidade de solucionar o cambio climático. Os obstáculos para unha reforma do comercio de carbono son insalvables na práctica no contexto do tempo que temos dispoñible para evitar un cambio climático catastrófico. Ademais, o mercado de compensacións de carbono non constitúe unha fonte lexítima de financiamento para o clima, e non pode garantir un fluxo predicible de financiamento para os países empobrecidos
O informe demostra que polo menos 420 mil millóns ao ano podería xerar un bo número de alternativas ao comercio de carbono, que permitan prover de financiamento aos países empobrecidos para a súa adaptación ao cambio climático.
Amigos de la Tierra advirte sobre os perigos que leva consigo o comercio de carbono e sinala que existen mecanismos máis efectivos para conseguir reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
O documento inclúe varias propostas que mostran o xeito máis efectivo para recortar as emisións:
- Enerxía: un programa mundial de tarifas mínimas ou primas, cun investimento anual de us$100 mil millóns durante quince anos, reduciría o custo das tecnoloxías renovables tornándoas universalmente accesibles. Isto permitiría que a enerxía renovable se converta en "a opción por defecto para o mundo enteiro". Unhas normativas máis estritas de eficiencia enerxética combinadas cun incremento dos impostos ao carbono e a enerxía, redundarían en maiores aforros enerxéticos.
- Agricultura: a xeneralización da agricultura a pequena escala e sustentable, pode desencadear unha redución drástica das emisións globais de gases de efecto invernadoiro mediante un uso moito menor de combustibles fósiles na agricultura e polo almacenamento de carbono en plantas e chans. Tamén é de importancia crítica frear a demanda mundial de produtos asociados a unha agricultura intensiva daniña, entre eles o consumo excesivo de carnes e produtos lácteos.
- Bosques: resolver o problema das emisións derivadas da deforestación e a degradación dos bosques require medidas que ataquen as principais forzas motoras causantes da deforestación, en particular a demanda de agrocombustibles, carnes e produtos forestais. É tamén esencial lograr melloras no goberno dos bosques, entre elas protexer efectivamente os dereitos dos pobos indíxenas e as comunidades que habitan os bosques e expandir o goberno comunitario de bosques. Tamén é imprescindible prover financiación para incentivar que se abandone progresivamente o desenvolvemento baseado na destrución dos bosques.
- Industria: para impedir que as empresas contaminantes usen a ameaza de traslado e recolocación das súas operacións, ou a denominada 'fuga de carbono' para evitar emprender accións, o punto de partida ten que ser un acordo internacional sobre a aplicación de normas comúns relativas ao uso das mellores tecnoloxías dispoñibles. Isto permitirá reducir as fugas de carbono e as ameazas de recolocación, e contribuirá a impulsar a innovación. Pero iso á súa vez esixirá flexibilizar os dereitos de propiedade intelectual para garantir o acceso ás mellores tecnoloxías dispoñibles.
|