| Amigos da Terra denuncia o incumprimento da “Axenda sen Coche” do Alcalde de Vigo |
| Escrito por Montse Fernández |
| Sábado, 29 Xaneiro 2011 13:46 |
|
Como medida “exemplar” no compromiso na loita contra o cambio climático, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou en setembro de 2009 a iniciativa “Axenda sen Coche”, que consistía no seu compromiso de desprazarse periodicamente aos actos institucionais prescindindo do vehículo oficial, en favor de camiñar ou do uso do transporte público. En palabras do propio Alcalde, pronunciadas nada menos que durante o Cumio do Clima de Copenhague en 2009: “O feito de que os cargos públicos se impliquen de xeito directo no necesario cambio de hábitos nos desprazamentos posúe extremada relevancia, visibilidade e potencial efecto multiplicador na cidadanía", sinalando ademais, que “a medida deberá ser obxecto de publicidade e de accións de seguimento, para valorar a súa aplicación efectiva e para que os cidadáns coñezan os seus resultados” . Segundo a información oficial da web da alcaldía, na páxina da axenda aberta especificamente para divulgar e render conta desa campaña, no último trimestre do ano 2009, cando o Alcalde comprométese a dar exemplo da súa medida, tan solo acude a cinco actos desprazándose sen coche, bastante menos da frecuencia prometida nun principio, pero nada comparable a todo o ano 2010, no que o Alcalde acudiu unicamente a un so acto sen coche. Respondendo á invitación pública feita por Abel Caballero para que se fagan accións de seguimento, co obxectivo de valorar a aplicación efectiva desta campaña, Amigos da Terra fixo tal seguimento, e acredita que, tomando como fonte a web oficial na que se da conta da axenda sen coche, o Alcalde de Vigo incumpriu sistematicamente o seu compromiso. Do mesmo xeito, seguindo disciplinadamente as indicacións precisas que solicita o Alcalde sobre as actuacións de publicidade, para que os cidadáns coñezan os resultados, Amigos da Terra pon dito incumprimento en coñecemento da cidadanía, e remitirá á Rede de Cidades polo Clima, presidida por Abel Caballero e na que presentou tamén esta iniciativa, os datos do seu incumprimento.
Dende Amigos da Terra coincidimos plenamente coa opinión de Abel Caballero cando di que “O feito de que os cargos públicos implíquense de xeito directo no necesario cambio de hábitos nos desprazamentos posúe extremada relevancia, visibilidade e potencial efecto multiplicador na cidadanía”, precisamente por coincidir con esta reflexión pensamos que, consecuentemente, incumprir estes compromisos xera na cidadanía desmotivación e desconfianza, aumentando o descrédito da clase política.
Como reflexión final, dende a asociación lamentamos que as autoridades, que deberían liderar a loita exemplar contra o cambio climático, sexan incapaces de cumprir nen sequera uns compromisos tan mínimos, demostrando que importan máis as declaracións e as campañas de autopromoción que as implicacións reais para solucionar o máis grave problema medioambiental que ameza a vida do planeta.
Fonte imaxe: vigoalminuto.com |






