| Amigos da Terra felicita ao Concello pola iniciativa de instalar miniaeroxeneradores en Vigo |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 16 Marzo 2011 12:33 |
|
Ante a decisión do Concello de Vigo de instalar miniaeroxeneradores en distintos puntos da cidade olívica, Amigos da Terra celebra poder felicitar ao Concello por dita iniciativa, e espera que sirva de precedente. O Concello de Vigo lanza unha mensaxe clara con esta idea: as enerxías alternativas dimensionadas á escala do seu uso, descentralizadas e combinadas con sistemas eficientes, son unha realidade operativa.
A asociación anima a Abel Caballero, a que esta iniciativa non sexa testemuñal e se estenda de xeito xeneralizado pola cidade. Así mesmo, aconsellamos ao Alcalde que abandone as campañas de autopromoción persoal (como axendas sen coche e o seu coche eléctrico), campañas absolutamente irrelevantes analizadas globalmente, e aposte decididamente por estas iniciativas, que repercuten directa e eficazmente en reducir a pegada ecolóxica do Concello e a diminución da nosa contribución ao cambio climático.
Por outra banda, a asociación tamén alenta ao Alcalde de Vigo a presentar dita iniciativa ao seu propio partido a nivel estatal, xa que na actualidade, está a defender unha política enerxética radicalmente oposta ao fomento das fontes limpas e renovables.
Para a asociación ecoloxista, a utopía hoxe, é seguir defendendo a produción nuclear e os combustibles fósiles. O que está sucedendo na central nuclear xaponesa de Fukushima debería ser determinante para que os escépticos terminen de aceptar que só o aforro e a eficiencia, e as fontes de enerxía renovables, son as únicas garantías de futuro.
Fonte imaxe: Faro de Vigo |






