| Amigos da Terra non comparte o entusiasmo do Alcalde de Vigo polo coche eléctrico |
| Escrito por Maria Durán |
| Martes, 06 Marzo 2012 10:16 |
|
Defender o mesmo modelo de transporte, con urbanismos dispersos e infraestruturas viarias sobredimensionadas ao servizo do vehículo privado, soamente cambiando o coche convencional polo eléctrico, non resolve o problema de fondo que precisa un enfoque totalmente distinto e planificar un cambio radical na mobilidade urbana.
A principal vantaxe que se lle supón ao coche eléctrico é a súa ausencia de emisións contaminantes. Ese aspecto non é de todo certo.
Coas porcentaxes actuais de produción eléctrica, que maioritariamente se xeneran mediante combustibles fósiles, nucleares e de ciclos combinados, e cunha demanda en aumento constante (22 GWh en Febreiro) o coche eléctrico non supón máis vantaxe que cambiar o lugar dende o que se emite a contaminación. Pero as moléculas de CO2 actúan globalmente e os límites municipais resúltanlles irrelevantes.
Soamente o pasado mes de Febreiro as emisións de CO2 derivadas da produción eléctrica en España sumaron un total de 6.913.649 toneladas, ante esta arrepiante cifra formular que o coche eléctrico é unha alternativa ambientalmente sostible parece unha declaración precipitada.
Amigos da Terra anima ao Alcalde de Vigo a que, postos a escribir ao Ministro de Industria e Enerxía, en lugar de axudas a comprar coches eléctricos, que tamén, lle solicite previamente un firme impulso ás enerxías limpas e o progresivo peche das centrais térmicas e nucleares. Dubidamos que o actual goberno, cun partido que sempre defendeu as enerxías sucias, cambie o seu modelo enerxético a petición do alcalde de Vigo pero quizais teña máis sorte que co anterior goberno, do seu propio partido, que na práctica fixo a mesma aposta enerxética insostible.
O argumento dos postos de traballo avala igualmente ao desenvolvemento das enerxías limpas, consideradas globalmente na Unión Europea como o principal sector con posibilidades reais de crecemento na xeración de emprego.
Soamente cando a fonte de enerxía sexa producida de forma renovable e limpa o coche eléctrico poderá realmente converterse nun complemento máis eficiente e limpo para o transporte urbano. Pero soamente se se utiliza de forma racional, desprazando o coche convencional e limitando o número de vehículos nas rúas. En calquera caso nunca vai mellorar as prestacións de camiñar, a bicicleta, o metro, tranvía, o tren de proximidades e por último o autobús. Nota: 1 Mención aparte merece a curiosa información xeral sobre Vigo que figura dende hai un par de anos na web da Red Española de Ciudades por el Clima que preside Abel Caballero: http://www.redciudadesclima.es/index.php/municipios/vermunicipio/id_municipio/270 |






