| As organizacións ecoloxistas demandan un compromiso co medio ambiente como saída da crise |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Martes, 05 Xuño 2012 13:36 |
|
Amigos de la Tierra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF celebran o 5 de xuño o 40 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente, con 40 demandas ambientais.
O Día Mundial do Medio Ambiente foi establecido pola ONU o 15 de decembro de 1972 e dende entón vénse celebrando de xeito oficial o 5 de xuño. Este ano, as cinco grandes organizacións ecoloxistas estatais celebran o 40 aniversario demandando un compromiso por parte do Goberno co medio que permita saír da crise.
Os cinco grupos formulan 40 demandas ambientais que consideran imprescindibles para saír da crise na que nos achamos inmersos. As medidas que se propoñen abranguen diversos capítulos:
Cambio climático e enerxía: reducir de forma ambiciosa as emisións causantes do cambio climático; incorporar obxectivos ambiciosos na Lei de eficiencia enerxética e enerxías renovables; deter o comercio especulativo de créditos; pechar as centrais nucleares; apostar por unha Lei de cambio climático.
Transporte e mobilidade: deter a construción de novas infraestruturas ata a correcta avaliación da demanda real; aprobar unha Lei de mobilidade sostible; apostar polo ferrocarril como medio de transporte de pasaxeiros e mercadorías.
Calidade do aire: reducir a cero antes de 2015 a porcentaxe de poboación que respira aire contaminado.
Residuos: aumentar as porcentaxes e calidade da reutilización e o reciclado de residuos; fomentar os Sistemas de depósito e retorno de envases; prohibir a distribución gratuíta de bolsas dun só uso antes de 2013.
Biodiversidade: Garantir a axeitada xestión de Rede Natura 2000; cumprir o Plan Estratéxico de Patrimonio Natural e da Biodiversidade e elaborar os plans sectoriais.
Medio Mariño: Non modificar a Lei de costas; reformar a Política Pesqueira Común para que garanta o futuro da pesca; completar a Rede Natura 2000 mariña.
Auga: fixar o prezo real da auga para que reflicta os custos de extracción, transporte e purificación; abandonar definitivamente a construción de novos grandes encoros e transvasamentos entre concas; declarar sobreexplotados todos os acuíferos nesta situación e revisar todos os pozos para finais do 2015.
Medio rural: Apostar polo mundo rural defendendo unha nova PAC baseada na biodiversidade, o comercio local, a produción extensiva e os pequenos agricultores/ás; prohibir o cultivo de transxénicos; fomentar a agricultura ecolóxica e local.
Fiscalidade ambiental: aprobar unha Lei de fiscalidade ambiental que rebaixe os impostos indirectos aos produtos realmente "máis verdes", grave con cargas adicionais as actividades daniñas para o ámbito e incentive as empresas con actividades sostibles.
Estas propostas non só permitirían á sociedade velar polo medio e os escasos recursos naturais cos que conta, senón comezar a seguir unhas directrices que faciliten a creación de emprego e a súa viabilidade de cara ao futuro.
As cinco ONG ecoloxistas insisten na necesidade de tratar o medio e ás persoas como os recursos máis valiosos dos que dispoñemos, e apostar por eles para saír da crise económica, ecolóxica e social que estamos a vivir.
Documento 40 Demandas Ecoloxistas no Día Mundial do Medio Ambiente |

As cinco grandes ONG solicitan, no Día Mundial do Medio Ambiente, unha reunión co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, antes do cumio de Río +20 que se celebrará este mes de xuño.



