| Manifestación contra as fumigacións, o domingo en Compostela |
| Escrito por Maria Durán |
| Xoves, 07 Xuño 2012 09:10 |
|
O bichiño chámase Gonipterus scutellatus, que dito así soa regular. Quizais non o coñezamos persoalmente aínda que si temos probas da súa existencia na nosa veciñanza. Non fai falta máis que achegarse a un eucaliptal e mirar nas súas follas con mostras de ter sido mordidas polo noso protagonista. Parece pouca cousa pero ata non hai moito resultaba imposible ver semellante cousa en Galicia. O eucalipto, como especie exótica, carecía de depredadores na nosa terra.
O novo armamento a utilizar por terra e aire chámase flufenoxurón, un biocida neonicotinoide que resulta letal non só para o goniopterus, senón para outros insectos, para o chan, as augas e polo seu carácter bioacumulativo tamén tóxico para os seres humanos pois trátase dun pesticida químico de síntese que os nosos organismos, nin os do resto de seres vivos, non poden eliminar. Deberiamos preocuparnos por todos os insectos polinizadores, pero especialmente polas abellas, porque elas polinizan o 80% das plantas con flores. Dito doutro xeito, de que as abellas sobrevivan depende o 76% da nosa alimentación. O flufenoxurón mata tamén as abellas.
Apenas quedan, polo tanto, seis meses para a súa utilización, polo menos para o uso legal; pero os seus fabricantes contan cun enorme excedente de produción ao que convén darlle saída canto antes, supoñemos que a prezo de oferta por liquidación, nunca mellor dito, porque o custo en perda de biodiversidade non se suma á factura final. Preocupados por iso nada menos que 40 organizacións sociais (ecoloxistas, agrarias de apicultoras/es, Amigos da Terra entre elas) e 7 partidos políticos promoven unha plataforma contra as fumigacións. Por suposto toda a franxa atlántica galega, que conta coa súa porcentaxe importante de monocultivos nas súas áreas forestais e periurbanas, está dentro dos 68 puntos das provincias de Coruña e Pontevedra nos que se pretende fumigar, incluídas áreas de encoros Zamáns que subministran a maioría da auga que utilizamos. Pero no caso das fumigacións, especialmente as aéreas, o punto concreto de aplicación é moi relativo pois o vento pode dispersar ata un 60% do pesticida fóra do obxectivo previsto que, neste plan de fumigacións, abrangue en cada unha das zonas un diámetro de 8 quilómetros. É un dato interesante que deberíamos saber. Mirando o mapa das fumigacións das provincias a conclusión non é moi tranquilizadora... estamos rodeados. Como solucionalo: Pretender solucionar un problema actuando sobre os seus efectos mentres esquecemos as súas causas é unha inxenuidade, e claro, non funciona. Este procedemento é habitual no enfoque da problemática ambiental e así seguimos acumulando novos problemas a consecuencia de cada presunta solución. Un monocultivo forestal pon en bandexa as condicións para que un insecto se converta en praga. Converter a franxa atlántica de Galicia nun eucaliptal supón un convite irresistible para que tarde ou cedo acuda quen se alimenta desa árbore que de pronto se encontra a mesa e mantel no maior restaurante forestal de Europa. Nun ámbito tan favorable o simpático bichito fai o que a natureza lle programou para facer, abandonarse á gula e á luxuria coma se non houbese un mañá. Nunca se pensou que, ao igual que o nemátodo do piñeiro, os monocultivos se librasen da súa praga asociada. A dúbida unicamente era canto tardaría en chegar. A verdadeira solución sería, polo tanto, resolver a cuestión na súa orixe, evitando os monocultivos de eucalipto ou de calquera outra especie pois a biodiversidade é o mellor aliado para evitar a aparición de calquera praga. Mentres o sentido común non leve aos nosos xestores forestais a esa solución obvia, avalada por uns cantos millóns de anos de perfecto equilibrio ecolóxico, o menor dos males sería potenciar a loita biolóxica, é dicir potenciando os seus inimigos naturais, como xa se leva facendo en Galicia neste caso a través da avispilla Anaphes nitens, outra especie introducida, polo principio de acumulación de problemas, pero que polo menos de forma natural parasita as larvas do Gonipterus e reduce a súa expansión. Lamentablemente esa avespa será tamén vítima do flufenoxurón. |





