Portada NOVAS Amigos da Terra manifesta o seu posicionamento en contra do PLADIGA
Amigos da Terra manifesta o seu posicionamento en contra do PLADIGA
Escrito por Angel Dorrio   
Xoves, 21 Xuño 2012 16:51
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

Incendio_Morrazo__4_copy 

Amigos da Terra asistiu o pasado día 19 de xuño á reunión do Consello Forestal de Galicia, convocada pola Xunta de Galicia, e que tiña como punto do día a presentación do Plano de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia, o PLADIGA.

 

O PLADIGA non se deu a coñecer antes do propio día da xuntanza do Consello polo que resulta de todo inoperante poder facer propostas a un texto do que se descoñece o seu contido motivo polo cal de partida non se pode apoiar o devandito plano de prevención e extinción de incendios, queixa que dende Amigos da Terra foron transmitidas na propia reunión.

 

Tamén houbo queixa do propio funcionamento do Consello Forestal Galego ao non convocarse as reunións de forma períódica e ante a situación dos incendios acontecidos na primavera pasada e foron presentadas diversas demandas que expoñemos a continuación.

 

Segue sen se ter en consideración as situacións meteorolóxicas que se producen ao longo do ano, coa tradición de "época de máximo risco" e un mes adicional ao ano. Os incendios forestais non teñen data fixa no calendario, o incremento do número de incendios forestais, a situación pola que están a pasar os nosos ecosistemas forestais e o cambio climático obrigan a que o operativo de prevención e extinción de incendios forestais se poida expandir ou contraer en función das necesidades reais.

 

Situacións previsibles, tendo en conta a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos, inconcibiblemente nin sequera se ten completado o operativo mínimo que habitualmente había na chamada "precampaña" así no mes de marzo deste ano (2012) ou o acontecido no mes de outubro de 2011 onde con altas temperaturas, fortes ventos e actividade incendiaria alta: realizáronse queimas oficiais en zonas protexidas (zonas ZEPA, LICs, espazos naturais), autorizáronse queimas en días de risco de incendio alto e incluso extremo e co operativo de prevención-extinción baixo mínimos.

 

Falla de vixiancia as 24 horas do dia en dias de perigo alto ou extremo con moitas zonas de "sombra" (os incendios son comunicados polos cidadáns ou os medios dos servizos forestais nos seus desprazamentos cotiás...) hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, maior risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción...

 

Non se están cubrindo as baixas do persoal de prevención e extinción: brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes, a media debe de ser de cinco brigadistas, como mínimo, para garantir a operatividade e a protección tanto dos compoñentes da brigada de extinción como da colectividade. A dia de hoxe non sabemos cal vai a ser a composición das brigadas de prevención-extinción (4, 5, 7 compoñentes...).

 

Vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, sen cubrir as 24 horas do día con baixas ou xubilacións de de autobombistas (persoal laboral fixo sen cubrir). Distritos onde só están operativos 2-3 autobombas cando contan con 8 vehículos de extinción (5 autobombas inoperativos) situación que se produciu en marzo de 2012, hoxe aínda sen resolver.

 

Uso de medios aéreos (helicópteros) sen as súas correspondentes brigadas helitransportadas co cal a súa eficacia e operatividade merma exponencialmente. No mês de marzo pasado a BRIIF de Laza tiña os seus 48 compoñentes mais non contaba con helicóptero, mentres a base de Toén ten helicóptero todo o ano mais non conta con brigada. Baixas de axentes forestais sen cubrir (Distritos Forestais onde tiña que haber 20 axentes forestais só están operativos para traballos de extinción de incendios 14-15 axentes).

 

Desmantelamento das brigadas de investigación de incendios forestais BIIF creadas no seu dia e compostas por un mínimo de dous axentes forestais por cada un dos Distritos Forestais. A investigación é un puntal básico se queremos reducir a intencionalidade que produce a maioría dos lumes forestais nos nosos ecosistemas naturais.

 

A todo o anterior hai que engadir a infrautilización de medios con que conta a comunidade autónoma (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías...), medios gardados nos garaxes ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais.

 

Todo isto demostra, unha vez mais, a falla dun "Plano de Emerxencias axeitado" plano que debe contar cun "mapa de Medios e Recursos" dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen, a falla deste mapa de medios fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 200-250 quilómetros mentres a carón de onde se produce o incendio forestal hai autobombas ou maquinaria parada e sen utilizar. É preciso optimizar os medios e recursos públicos dispoñibles con elo melloraremos a operatividade, melloraremos no tempo de reacción, na extinción dos incendios e minimizaremos os efectos dos mesmos cando se produzan.

 

Para máis abundancia a dia de hoxe nos Distritos Forestais non houbo, nen hai, reunións para alomenos reflexionar sobre os erros que se producen, buscar a forma de mellorar a operatividade e funcionamento do Distrito, coordinar os propios medios con que conta a Consellería...

 

No ano 2011 e no inverno-primaveira de 2012 Galicia, e especialmente a provincia de Ourense, foi o territorio do Estado español máis afectado polos incendios forestais con perdas de centos de millóns de euros polos efectos dos lumes, zonas de alto valor medio ambiental (zonas ZEPA, Parques Naturais, Rede Natura 2000, LICs...) foron calcinadas en centos de incendios. Inconcibiblemente a Consellería do Medio Rural e do Mar non puxo en marcha un só programa de "recuperación-restauración" das zonas afectadas, con perdón por ser redundante, especialmente grave a situación de ecosistemas forestais da provincia de Ourense.

 

No ano 2012 hai unha redución importante dos orzamentos públicos adicados a prevención, a loita contra os incendios forestais, redución do investimento de diñeiro para o coidado dos ecosistemas forestais; na sesión do Consello Forestal de Galicia onde se presentaba o PLADIGA 2011 (30 de maio de 2011) o entón Director Xeral de Montes, actual Secretario Xeral da Consellería, Don Tomás Fernández-Couto Juanas entre outras facía a seguinte reflexión "...é necesaria a boa prevención en maio-xuño e ter as zonas rozadas en xuño-xullo, para o período de incendios forestais", a dia de hoxe (20 de xuño de 2012) non se ten feito ningún traballo de prevención de incendios forestais (áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños, desbouzados) para o verán de 2012.

 

No PLADIGA seguen xustificando e promovendo oficialmente as "queimas controladas" como método preventivo de incendios forestais, hoxe hai medios materiais, técnicos, humanos...para evitar o uso do lume como ferramenta de xestión dos ecosistemas naturais.

 

O PLADIGA presentado tódolos anos no Consello Forestal de Galicia, presentado aos medios de comunicación, non deixa de ser un plano mediático (cara a galería) posto que unha boa parte do operativo de prevención e extinción de incendios forestais non o coñece, non se coñecen as funcións, responsabilidades que cada un ten, obxectivos, prioridades...non resulta doado cumprir un plan cando non se da a coñecer ao conxunto dos seus integrantes.

 

Dende Amigos da Terra consideramos que o Consello Forestal é un órgano axeitado se se cumpre o establecido no seu Decreto de creación (Decreto 306/2004), o Consello Forestal debe ser informado a seu debido tempo e pode e debe axudar a atopar solucións que minimicen a repercusión dos incendios forestais nos nosos ecosistemas.

 

Amigos da Terra segue insistindo que é preciso crear dentro do Consello Forestal unha "Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais" para mellorar no posible un Plano de Loita Contra Incendios que, por desgraza para o noso país, ten sido un fracaso, fracaso dos distintos gobernos da Xunta de Galicia e fracaso do conxunto da sociedade.

 

Por último, dende Amigos da Terra queremos facer unha reflexión por todos coñecida e de sentido común, mais moi pouco posta en práctica - É posible solucionar os erros do pasado mediante o diálogo e a participación do conxunto da sociedade - Máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes forestais en Galicia deben de ser mais que suficientes para atopar solucións ao mais grave problema medio ambiental que ten o noso país.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Conservación e Usos da Terra
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.