Portada NOVAS Amigos da Terra denuncia a contaminación química na ría de Vigo
Amigos da Terra denuncia a contaminación química na ría de Vigo
Escrito por Angel Dorrio   
Luns, 13 Agosto 2012 08:43
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

ria_de_vigo_cies_01A ría de Vigo e un sistema semipechado. O mar entra polo sur das illas Cíes, bordea a costa ata encontrarse coa auga doce dos ríos Verdugo e Oitavén e sae pola canle norte das illas.

Esta corrente renova as augas moi á présa en inverno, pero no verán as súas augas tardan un mes en realizar o seu ciclo, co conseguinte aumento do tempo de exposición aos tóxicos que poidan levar esas augas .

 

O resultado é que unha parte do que botamos á auga queda, e esa parte contén elementos químicos pouco agradábeis que gradualmente se van depositando nos sedimentos e alí quédanse, acumulándose e pasando aos distintos elementos vivos, as algas, os moluscos, os peixes... os vigueses e viguesas.

 

De todos xeitos esa renovación, en rigor, non limpa a ría, senón que dispersa cara ao Atlántico a contaminación química. Que saia da ría non significa que desapareza.

 

Na última inspección conxunta do Concello de Vigo e da Xunta hai unhas semanas detectáronse no litoral vigués aínda 43 puntos de verteduras contaminantes entre urbanas e industriais, das cales 13 son focos de contaminación especialmente activos botando veleno químico á ría. Sería equivalente a un punto de vertedura cada 500 metros de litoral, pero a súa distribución non é tan homoxénea e abranguen dende a desembocadura do Lagares ata Ríos en Teis. Se tivésemos que buscar un punto especialmente negro polo seu alto nivel de contaminación química sería toda a franxa portuaria entre Bouzas, Areal e Guixar. Nese tramo aparecen os maiores elementos contaminantes e en maior cantidade, aínda que non esquezamos que unha boa parte se reparte grazas ás correntes por toda a ría.

 

Nesta sopa química atopamos todos os ingredientes coñecidos pola súa elevada toxicidade, ou polo menos se atopa todo o que se busca, que non é nin moito menos toda a contaminación que existe.

 

O menú contén os clásicos metais pesados, mercurio, cobre, cadmio e cinc, pero sobre todo chumbo, que en só unhas décadas multiplicou por máis de 1.000 a súa presenza na ría. Os niveis de chumbo en Vigo baten a marca de todas as rías galegas.

 

Outro clásico son os hidrocarburos e bencenos produto do tráfico e calefaccións, moitos deles canceríxenos e que chegan á ría polo arrastre das augas pluviais, e van en aumento na franxa portuaria, especialmente en Teis. O antigo tópico de considerar augas limpas as pluviais (e polo tanto non engadilas aos procesos de depuración) se contradí cos datos. Esas augas pluviais deben ser canalizadas a tanques de tormenta e ter o seu propio proceso diferenciado de depuración.

 

Tamén veteranos son os TBTs, que se empregaron en pinturas de buques como repelentes para algas e resultaron ser poderosos disruptores endócrinos moi persistentes. Diso saben moito os cada vez máis escasos e sexualmente alterados caramuxos da ría viguesa.

 

Pero novos elementos vanse incorporando á contaminación da ría, como os derivados do bromo, tóxicos que se acumulan en tecidos graxos, incluídos os humanos, e dos que nin sequera sabemos moito porque apenas hai catro anos que empezaron a analizarse pero xa aparecen, en aumento, na parte central da costa viguesa.

 

Pero se coñecer a carga química contaminante da ría debería preocuparnos, e a devandita preocupación debería traducirse en accións inmediatas, é aínda peor o descoñecemento. Por exemplo, dos 209 PCBs coñecidos, compostos persistentes e altamente tóxicos, soamente se buscan e analizan na nosa ría sete, e por suposto os sete aparecen en cantidades significativas nas augas do porto.

 

Ten soamente 6.000 anos, moito tempo para unha persoa pero un instante en termos xeolóxicos. A ría de Vigo é unha recen nacida que se fose a nosa filla, e dalgunha forma o é, algún xuíz debería retirarnos a súa custodia por maltrato continuado.

 

A Plataforma pola defensa da Ría de Vigo, CÍES ven de editar un libro sobre o impacto da actividade humana e a xestión sostible e conservación ambiental da Ría de Vigo. Nese libro se recollen os relatorios que co mesmo nome se desenvolveron en xuño de 2011 e nas que participou Amigos da Terra. Se trata dun resume claro e clarificador sobre o estado de saúde da ría viguesa.

 

ria_de_vigo_02

 

Pero como solucionalo:

 

Cando moitos son responsables ao final ninguén parece responsable, e neste caso as competencias repártense entre Concello, Xunta, Porto de Vigo e Goberno central.

 

Sería lóxico e necesario que todas estas administracións se coordinasen e traballasen xuntas. Somos conscientes do utópico que resulta imaxinar que no reino de taifas da política se chegue a facer algo conxuntamente, pero desta incapacidade de acordo para sanear a ría todos son responsables pois todos teñen a súa parte de competencia, e de incompetencia. A contaminación química persistente debe eliminarse en orixe, non producíndoa, pois esa é a verdadeira solución, pero polo menos deberíanse extremar as medidas para evitar que os compostos químicos persistentes cheguen a un medio tan sensible e incontrolable como a ría.

 

O Porto debería contar con tanques de tormenta, que eviten a escorrentía ao mar e instalar a súa propia depuradora específica. É inconcibible que con estes niveis de contaminación o porto presuma de certificacións ambientais europeas. No seu día pedimos á autoridade portuaria os informes de avaliación e as entidades certificadoras, pero como adoita suceder esa é unha mala pregunta.

 

O Concello debería eliminar dunha vez as verteduras contaminantes industriais, de sobra coñecidas e reiteradamente denunciadas e separar as augas residuais urbanas das pluviais, e estas das industriais, e habilitar para cada tipoloxía un sistema de depuración específico, xustamente o que non se contempla na nova macrodepuradora.

 

A Xunta debe aplicar con rigor as súas propias normas de saneamento integral e asumir as súas competencias hidrográficas e, finalmente, o Goberno central debe cumprir os seus compromisos de control de compostos orgánicos persistentes e contaminantes químicos e aumentar, en lugar de reducir, as normas legais de protección ambiental.

 

Finalmente a cidadanía debe denunciar sistematicamente calquera indicio de contaminación e esixir información. É o noso dereito e o noso deber.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Comentarios  

 
0 #3 Ignatius 17/08/2012 19:41
Pois non o atopo na web de Augas de Galicia. Te refires a pedilo directamente? Si non é moito pedir poderiades envialo ao meu enderezo de e-mail?

Moitas grazas.
Citar
 
 
0 #2 lois 15/08/2012 12:38
O último informe e os precedentes se poden solicitar ou consultar en Augas de Galicia. De todos xeitos o resume do mesmo, cos datos dos 43 puntos de vertido detectados, foi recollido pola prensa local (Faro) en xuño deste ano e os datos concordan cos sinalados nas actas das xornadas da plataforma pola defensa da Ría.
Citar
 
 
0 #1 Ignatius 14/08/2012 13:06
Onde se pode atopar ese informe conxunto realizado polo Concello de Vigo e a Xunta de Galicia?

Gracias.
Citar
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Conservación e Usos da Terra
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.