Portada NOVAS Amigos da Terra denuncia o desmantelamento dos Servizos Forestais
Amigos da Terra denuncia o desmantelamento dos Servizos Forestais
Escrito por Angel Dorrio   
Martes, 14 Agosto 2012 14:06
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

Incendio_Morrazo__4_copyAmigos da Terra manifesta o seu pesar polo desmantelamento dos Servizos Forestais Públicos, o que conleva unha maior desprotección e un moito maior risco para os ecosistemas forestais de Galicia. Os incendios forestais destes últimos días (San Xoán de Río, Ribas de Sil, Oímbra, Laza, Friol, Navia de Suarna...e o gran incendio de Valdeorras) demostran por enésima vez o fracaso da política forestal e de loita contra os incendios forestais do Goberno da Xunta de Galicia.

 

O acontecido estes días non deixa de ser unha crónica anunciada que se produce tódolos veráns, crónica máis feble ou mais grave en función das condicións que marca a meteoroloxía.

 

Este ano aos condicionantes climáticos e meteorolóxicos (nunca culpables do inicio dos incendios forestais) súmanselle as medidas tomadas dende o desleixo e a incompetencia dun Goberno cego, sen ideas, que marca o rumbo ao chou e se presta a desfeita interesada dos Servizos Públicos Forestais pondo en grave risco aos nosos montes.

 

Importante redución dos orzamentos públicos adicados a prevención, a loita contra os incendios forestais (de 107 millóns de euros no ano 2011 neste ano só se adican uns 95 millóns de euros), na sesión do Consello Forestal de Galicia onde se presentaba o PLADIGA 2011 (30 de maio de 2011) o actual Secretario Xeral da Consellería do Medio Rural, Don Tomás Fernández-Couto Juanas entre outras facía a seguinte reflexión "...é necesaria a boa prevención en maio-xuño e ter as zonas rozadas en xuño-xullo, para o período de incendios forestais", no ecuador da tempada de máximo risco no 2012 a maior parte do pouco diñeiro adicado este ano a prevención aínda non se investiu (áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños...) están abandonadas e sen os traballos preventivos realizados. Unha das queixas dos veciños e dos medios de extinción nos incendios destes días é precisamente o estado de abandono en que se atopan os ecosistemas forestais e a dificultade da extinción polo abandono da chamada infraestrutura de prevención.

 

Un operativo de prevención-extinción baixo mínimos: falla de vixianza as 24 horas do día en días de perigo alto ou extremo con moitas zonas de "sombra"; hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, maior risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción... No ano 2012 hai Distritos Forestais nas que se pecharon máis da metade dos puntos de vixianza fixa (de 5 puntos de vixianza a só dous).

 

Non se están cubrindo as baixas do persoal de prevención e extinción: brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes, a media debe de ser de cinco brigadistas como mínimo para garantir a operatividade e a protección tanto dos compoñentes da brigada de extinción como da colectividade. As brigadas de reforzo de verán no 2012 con só 4 compoñentes (fai poucos anos as brigadas forestais eran de 9 compoñentes).

 

Vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, sen cubrir as 24 horas do día, redución de condutores autobombistas para reforzo de verán do 50% (Distritos Forestais onde se contrataban 24 condutores, no 2012 só se contrataron 12).

 

Distritos Forestais, onde tiña que haber 20-22 axentes forestais, están operativos para traballos de extinción de incendios 14-15 axentes. Desmantelamento das brigadas de investigación de incendios forestais BIIF creadas no seu dia e compostas por un mínimo de dous axentes forestais por cada un dos Distritos Forestais. A investigación é un puntal básico se queremos reducir a intencionalidade e as neglixencias que producen a maioría dos lumes forestais nos nosos ecosistemas naturais.

 

As brigadas de helicópteros, concedidas sen concurso público a unha empresa privada, contrataron ao persoal das mesmas sen ter en conta a experiencia ou a formación (moitos casos coa renovación de mais do 75% do persoal) quedando fora das mesmas persoal con anos de experiencia e formación contrastada.

 

Engadir ao anterior a infrautilización de medios con que conta a comunidade autónoma (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías...), medios que non se usan ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais, demostración da falla dun "Plano de Emerxencias axeitado" un plano que ten que contar cun "mapa de Medios e Recursos" dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen, esta falla fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 200-250 quilómetros mentres a carón de onde se produce o incendio forestal hai autobombas ou maquinaria parada e sen utilizar..

 

Nos Distritos Forestais non houbo, nin hai reunións dos distintos colectivos e medios para alomenos reflexionar sobre os erros que se producen, buscar a forma de mellorar a operatividade e funcionamento do Distrito, coordinar os medios propios e conveniados...

 

Contrasta a redución de medios propios co convenio que establece a Xunta de Galicia co Ministerio de Defensa (550.000 euros un 9% de incremento con respecto ao ano 2011) para o operativo "Centinela Gallego" (100 soldados que integran 23 patrullas de "vigilancia y disuasión") soldados que nunca participan en extinción. A Xunta de Galicia é a única comunidade autónoma do Estado que estabelece este convenio con Defensa. Débese aclarar que os soldados aos galegos, aparte do diñeiro que xa cobran dos orzamentos do Estado, cústanos unha media de 75 a 125 euros/día en dietas por persoa (en función da súa categoría profesional), a elo débese sumar os custes de vehículos, combustible...

 

Amigos da Terra segue insistindo que é preciso consensuar a política forestal e de loita contra os incendios forestais, máis de 40 anos de fracaso dos distintos gobernos e do conxunto da sociedade do país son máis que suficientes; a desfeita medio ambiental, paisaxística e económica dun sector estratéxico non se pode perpetuar no tempo. Por enésima vez insistimos que se debe crear unha "Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais" para atopar solucións ao mais grave problema medio ambiental que ten o noso país.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Conservación e Usos da Terra
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.