| A Campaña "Axuda a vivir: Doa sangue e planta unha árbore" acada 248 doazóns de sangue |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Martes, 14 Xullo 2009 13:00 |
|
A campaña “Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore”, promovida por Amigos da Terra, o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) e Voz Natura, durante a pasada semana, acadou un excelente índice de participación, logrando un total de 248 doazóns de sangue, das que o 13 % (33 doazóns) correspondíanse con cidadáns que efectuaban a súa primeira doazón de sangue. Isto significa que 248 novas árbores autóctonas serán plantadas nun monte, formando parte da biodiversidade galega, contribuíndo así a fixación de solo e a absorción de CO2 da atmosfera.
A iniciativa, que tivo lugar entre os días 6 e 10 de xullo en distintos puntos da cidade de Ourense, tentaba acadar un dobre obxectivo: mellorar a información dos cidadáns sobre a doazón e provocar unha especial sensibilidade social a prol da conservación do medio ambiente, xa que por cada doazón contabilizada no transcurso desta campaña prantarase no vindeiro outono unha árbore nas inmediacións do municipio ourensán.
Esta iniciativa impulsada por Amigos da Terra, o CTG e Voz Natura desenvolvíase por octavo ano consecutivo na cidade de Ourense e os resultados colleitados falan por si mesmos da excelente resposta dos veciños e veciñas de Ourense xa que grazas as 248 doazóns recollidas será posible, por exemplo, realizar 124 intervencións cirúrxicas ou sete transplantes de fígado.
Amigos da Terra e o CTG queren mostrar os seu agradecemento pola súa labor solidaria a todas as persoas voluntarias que colaboraron na campaña, así coma tamén aos cidadáns a súa participación nas campañas de doazón ao longo do presente ano.
|





