Portada NOVAS MÁIS MADEIRA !!!!! Amigos da Terra contra o TAV en Galicia
MÁIS MADEIRA !!!!! Amigos da Terra contra o TAV en Galicia
Escrito por Webmaster   
Xoves, 03 Xullo 2008 01:00
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter


Xa no ano 2002, dende Amigos da Terra faciamos unha serie de consideracións en relación ao sistema de transporte de ferrocarril. Despois de 6 anos pódese apreciar coma aquelas reflexións e demandas seguen sendo de actualidade, véndose agora agravadas coa supresión de liñas dos trens rexionais.

A continuación volvemos a lembrar o noso posicionamento.

 

Naquela película dos xeniais irmáns Marx, a escena resultaba premonitoria da nosa situación: Un tren percorrendo o deserto a unha velocidade toleada mentres os pasaxeiros, como única posibilidade para manter esa aceleración, queimaban o propio tren na súa caldeira ao berro de: Máis madeira, máis madeira...!!!.

Somos conscientes de que resulta politicamente incorrecto saírse da irresistible e unánime marea de entusiasmo a favor do proxecto do Tren de Alta Velocidade (TAV) en Galicia, e que mostrar unha postura contraria porá en bandexa o argumento clásico dos ecoloxistas como inimigos do progreso, pero, o tren de alta velocidade é o único progreso posible?, a opción é: TAV ou nada?, non existen outras vías?

Estes son os nosos argumentos:

1º Sobre a suposta “vertebración territorial”: Evidentemente cando os xestores políticos falan do trazado en “L” ou en “Y”, non se refiren a unha L de Lugo, que queda illada (e totalmente “desvertebrada”) en todas as quinielas. Temémonos o contrario, que o TAV soamente comunicaría, a prezos prohibitivos, parte das grandes cidades galegas, sometendo ao illamento e esquecemento infraestructural ao resto de poboacións. Parécenos un alarde de inxenuidade pensar que tras un investimento faraónica en Alta Velocidade poida exporse detraer nin un só euro para modernizar o resto da rede convencional galega. Actualmente, aínda sen o gasto xigantesco do TAV, xa estamos a asistir a recortes de liñas, recortes de frecuencias e calidade xeral.

A única liña actualmente ben comunicada, o eixo Vigo-Coruña, tería que subordinarse en boa medida a horarios e frecuencias do TAV, que previsiblemente se solaparía en boa parte do trazado, a menos que os viaxeiros asumisen, improbablemente, pagar o prezo de alta velocidade para ese tramo.

O efecto barreira do TAV, con vías fisicamente cercadas, aumentará o illamento poboacional ao cortar cidades e comarcas completas que terán, ademais, que soportar o importante impacto sonoro do paso do “supertren”.

Temos un exemplo evidente: O único TAV español non conseguiu vertebrar Andalucía (todo o contrario), puso no abandono ao resto da súa rede ferroviaria e case ninguén o usa para desprazarse dentro desa comunidade polo seu excesivo prezo, a pesar de estar fortísimamente subvencionado mantendo, con diñeiro de todos, uns prezos “políticos”.



2º- Alta velocidade?: Os cálculos máis optimistas, cremos que irracionalmente optimistas, falan de Vigo-Madrid en 2 1/2 horas, aínda que nos parecen tempos absolutamente imposibles se temos en conta as paradas intermedias cos seus correspondentes deceleraciones e aceleracións (confunden o TAV cun foguete), os desniveis, a orografía, etc.

3º- Sobre o tráfico de mercadorías pomos seriamente en dúbida a viabilidade económica do seu transporte en TAV. Alguén comprobou cantos vagóns de mercadorías, de que capacidade e a que prezo transporta calquera liña de TAV europeo?. Porqué ninguén nos pon como exemplo de transporte de mercadorías a AVE Madrid-Sevilla?. Levariámosnos unha sorpresa se calculásemos, vía RENFE, cantos quilos/ano de mercadorías transporta o Madrid-Sevilla e porqué son tan poucos.

4º- Impacto ambiental: Un TAV de verdade, dos que exceden os 250 km/h precisa, por exemplo, un radio mínimo de xiro de entre 4 e 7 quilómetros. Un desnivel máximo de 1´2 metros cada 100 metros de percorrido. Uns túneles de como mínimo 75 metros cadrados de sección. Protección estrita da vía mediante valado, sinalización en cabina...etc. Agora poñamos todo isto sobre un mapa de Galicia e analicemos os seus custos ambientais para conseguir reducir 2 horas de tempo con respecto ao que conseguiría un moderno tren convencional. Os tres elementos que determinan a execución dunha obra desa envergadura (Custos totais, tempo de execución e velocidade final conseguida) son fortes aliados contra o medio ambiente.

As medidas que puidesen suavizar o impacto ambiental do TAV (Aumentar o nº de túneles, aproveitar zonas moi degradadas para o trazado, manter ese trazado en paralelo a infraestruturas xa existentes, etc.) determinan un maior custo (especialmente os túneles, que para un TAV son carísimos), atrasan o prazo de execución e aumentan o tempo final do traxecto, co que, sistematicamente, o elemento ambiental pasa a ser o último factor a ter en conta. vale a pena o custo por eses 120 minutos?.

Vemos con preocupación como nesta feira das vaidades determinadas sensibilidades municipais e belos discursos pola conservación ambiental pérdense no ronsel do “supertren”.

Por certo, os colectivos ecoloxistas madrileños e outras organizacións sociais xa consideraron absolutamente inaceptable e rexeitaron o proxecto desde o seu lado (a previsible desfeita ambiental da Sierra de Guadarrama é terrible, aínda que leve comparado co que sucedería aquí), e TODAS as organizacións ecoloxistas a nivel estatal mostráronse contrarias á construción de liñas ferroviarias de TAV´s.



A nosa aposta: Investir esa montaña de diñeiro en crear unha dobre vía electrificada en toda a rede ferroviaria convencional galega e a súa enlace coa meseta.

Mellorar os trens, certamente moi lentos para a tecnoloxía dispoñible, e asegurar unha circulación convencional con 220 Km./h. de media.

Con este plan, tecnicamente máis simple (con investimento e tecnoloxía propia, ollo, non como o actual TAV franco-alemán) moitísimo máis barato, autenticamente vertebrador do territorio e considerablemente máis ecolóxico, chegariamos a Madrid nunhas catro horas e media.

Non parece suficiente rapidez?, pois como diciamos ao principio ... máis madeira, e que as persoas cheguen velozmente a contemplar como esnaquizamos a nosa terra.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Conservación e Usos da Terra
Non á nosa Costa - Plataforma en defensa da Lei de Costas
Plataforma contra as Fumigacións
Plataforma Galega Antitransxénicos

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.