| As ONG pedirán á Defensora do Pobo que recorra a modificación da Lei de Augas |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Martes, 20 Setembro 2011 16:40 |
|
Dan a coñecer a carta enviada á Ministra de Medio Ambiente na que denuncian como se fixo a reforma.
Amigos de la Tierra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF España publican hoxe unha carta enviada o pasado 5 de setembro á Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar.
Neste documento rexeitan o cambio da Lei de Augas porque supón pasar o control do Dominio Público Hidráulico ás comunidades autónomas de Andalucía, Aragón e Cataluña.
Na carta, as ONG denuncian as formas empregadas para esta modificación, xa que foi aprobada no Consello de Ministros do pasado 26 de agosto por vía de extrema urxencia a través dun Real Decreto-lei. Estas organizacións cuestionan a súa urxencia e constitucionalidade, e chaman a atención sobre o risco que supón que as comunidades autónomas non actúen con determinación e obxectividade na protección do Dominio Público Hidráulico. Ante a convalidación do Real Decreto-lei no Congreso o pasado 15 de setembro, as ONG pedirán á Defensora do Pobo que recorra a modificación ante o Tribunal Constitucional.
Estas ONG consideran que, en lugar de facer cambios parciais e precipitados, o Goberno debería expor unha reforma profunda da administración hidráulica. Esta petición baséase en que as estruturas e organizacións actuais non se corresponden cos retos modernos da xestión da auga, como é cumprir en forma e prazo os requirimentos da Directiva Marco da auga da Unión Europea. Ademais, lembran que esta reforma hai que levala a cabo con serenidade e transparencia, co máximo respecto cara á sociedade civil, os usuarios da auga e a unidade de conca.
Segundo os grupos ecoloxistas, esta última lexislatura foi nefasta en política de augas, con numerosas e flagrantes infraccións da normativa estatal e comunitaria en todo o país. Por iso, piden para a próxima lexislatura que o Goberno e as Comunidades Autónomas recuperen o tempo perdido nos últimos anos e dean un salto cualitativo na protección e boa xestión dos acuíferos, ecosistemas fluviais, humidais e augas costeiras, tal e como establece a Lei de Augas e a Directiva Marco da auga creando, ademais, institucións capaces de garantilo. |






