| Día Mundial dos Humedais |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Xoves, 02 Febreiro 2012 10:53 |
|
No Día Mundial dos Humedais, Amigos da Terra quere recordar a necesidade de promover en Galicia un modelo de desenvolvemento baseado no uso sostible dos nosos valiosos humedais, en vez da súa destrución debaixo de urbanizacións ilegais e paseos marítimos con deseños inadecuados.
O Convenio Mundial RAMSAR de Conservación dos Humedais, (do cal España é parte) dedicou este ano o 2 de Febreiro, día dos humedais, a reflexionar e promover neles modelos de turismo sostible. Os humedais proporcionan á humanidade numerosos servizos imprescindibles para a vida humana e para o equilibrio do Planeta: non só regulan o clima, os ciclos da auga ou, como no caso de Galicia, son unha importante fonte de traballo e de economía sostible, grazas á súa enorme produtividade marisqueira e pesqueira.
Ademais, nos últimos anos, os humedais estanse a consolidar como un recurso turístico de primeira orde. Por exemplo no Reino Unido, as visitas turísticas aos esteiros supoñen máis de 3000 postos de traballo a tempo completo e o millón seiscentos mil visitantes anuais á Gran Barreira Coralina de Australia, deixan ao país mais de mil millóns de dólares australianos ao ano, só por ese concepto.
Non obstante a aposta española polo ladrillo, non só se ten revelado como un fracaso económico, con tráxicas consecuencias sociais, senón que ameaza gravemente á explotación turística sostible dos humedais, pola súa capacidade destrutora da paisaxe, que é un dos recursos turísticos máis relevantes que temos (tamén do propio ecosistema e a súa diversidade biolóxica). A construción de custosos paseos marítimos restando superficie a humedais de gran valor económico, como a ría do Burgo na Coruña, mentres as augas fecais se verten neles sen tratar por inexistencia de depuradoras (coa desaparición de postos de traballo no sector marisqueiro) e mentres se constrúen aulas da natureza sobre os bosques e brañas na que se asentan, é bastante ilustrativo de cales foron ata agora as políticas galegas sobre humedais e de como gastaron enormes cantidades de fondos europeos. As actuais protestas dos mariscadores da Ría, fan traxicamente visibles as consecuencias deste modelo de xestión e cales son os sectores sociais que as sofren.
Galicia podería ter un gran futuro no turismo da natureza: as súas paisaxes, a súa diversidade biolóxica, a súa situación estratéxica nas rutas migratorias de aves e cetáceos, unida á nosa cultura, gastronomía ou ao carácter das nosas xentes, mostran un enorme potencial desaproveitado pola falta de políticas intelixentes orientadas á conservación dos humedais e ao desenvolvemento de accións e formación que fagan posible un turismo de calidade, sostible ecolóxica e socialmente.
Fronte ao fracasado modelo do ladrillo, Galicia conserva, aínda que ameazados, recursos para iniciar un modelo novo de sostibilidade social e ecolóxica: aproveitemos o potencial turístico dos nosos humedais, pero esta vez fagámolo ben. |






