| Antes francés que transxénico! |
| Escrito por Montse Fernández |
| Martes, 29 Setembro 2009 14:46 |
|
España é o único país da UE que cultiva transxénicos a grande escala. En 2008 cultiváronse case 80.000 hectáreas de millo modificado xeneticamente, o que supón en torno ao 20% do millo total cultivado. Ademais, o Goberno permitiu que España sexa o campo de experimentación das multinacionais, autorizando que se realicen en territorio nacional case a metade dos experimentos ao aire libre con transxénicos que se realizan na UE.
Ante esta situación, son decenas os agricultores ecolóxicos que sufriron casos de contaminación por transxénicos, sen que teñan ningún tipo de protección legal e afrontando graves perdas económicas. En España, cos transxénicos non funciona o principio de "quen contamina, paga". Nas zonas con maior cultivo de transxénicos, como Aragón ou Cataluña, o cultivo de millo ecolóxico está a desaparecer.
Son xa seis os países da UE que prohibiron de forma oficial o cultivo de transxénicos: Austria, Hungría, Luxemburgo, Grecia, Alemaña e Francia. Polonia e Italia manteñen tamén moratorias. Estes países prohibiron o cultivo de transxénicos polos seus impactos ambientais, a falta de estudos sobre efectos a longo prazo para a saúde humana ou a imposibilidade de controlar a súa dispersión e evitar a contaminación dos cultivos ecolóxicos e convencionais.
David Sánchez, responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos de la Tierra afirmou: "O Goberno promove os transxénicos esnaquizando modelos de produción como a agricultura ecolóxica, máis sostibles e que xeran máis emprego no medio rural. A Ministra Espinosa debe seguir o exemplo dos seus colegas francés ou alemán e prohibir o cultivo de millo transxénico en España".
|

Unha decena de millos humanos acudiron esta mañá á Embaixada Francesa en Madrid para solicitar "asilo agrícola". España é o único país da Unión Europea que cultiva transxénicos a grande escala, e acolle ademais case a metade dos experimentos ao aire libre que se realizan en Europa. Ante os repetidos casos de contaminación de cultivos de millo ecolóxico e convencional por transxénicos, os millos non ven máis saída que o exilio en Francia, país que prohibiu o cultivo do único millo transxénico autorizado na Unión Europea en xaneiro de 2008.
