| Campos experimentais ao aire libre con cultivos transxenicos |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Venres, 07 Maio 2010 09:58 |
|
No dia de hoxe a Plataforma Galega Antitransxénicos da que forma parte Amigos da Terra, fará pública a localización das parcelas dos campos onde se vai experimentar con cultivos transxénicos en Galicia. A presentación terá lugar ás 12:30 horas na Galería Sargadelos en Santiago de Compostela. Amigos de la Tierra España xa facía onte pública a localización das parcelas con cultivos experimentais de transxénicos en todo o territorio do estado.
España acolle o 42% dos ensaios experimentais ao aire libre con cultivos modificados xeneticamente, segundo a información publicada polo Centro Común de Investigación da Comisión Europea (JRC). Ata agora, non se fixera pública a súa localización, pese aos graves riscos que supón. Amigos da Terra tivo acceso a esta información, en virtude do libre acceso á información ambiental, referendado no caso dos experimentos con transxénicos ao aire libre por unha recente sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza.
Por que Amigos da Terra fai pública a localización exacta destas parcelas? Entendemos que é información de interese xeral, e o dereito da poboación a coñecer a localización exacta dos campos de cultivo experimental con transxénicos foi ratificado polo Tribunal Europeo de Xustiza, en sentenza do 17 de Febreiro de 2009. Por iso solicitamos ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño esta información e á Xunta de Galicia, de acordo á lexislación que regula o libre acceso á información ambiental, de acordo ao Convenio de Aarhus. Consideramos fundamental que a localización exacta destes campos sexa pública, para que os labregos e labregas dos arredores poidan protexerse da contaminación, e os veciños e veciñas da localidade saiban onde se están a facer estes experimentos no seu medio máis inmediato. As compañías multinacionais que realizan estes ensaios e o Ministerio, negaron repetidamente esta información, incluso aos municipios afectados, cando o Concello llo solicitou. Cómpre terminar con este escurantismo e falta de transparencia. Esta información debería figurar nunha web do Ministerio.
Que información estamos facilitando? Axúntase un mapa dos municipios en que se solicitou experimentar e os datos para localizar a parcela (provincia, municipio, polígono e parcela). Se queres localizar a parcela exacta nun mapa, só tes que introducir estes datos no programa de identificación de parcelas agrícolas do Ministerio (SIGPAC. En Galicia SIXPAC) Abre a pestana de “Buscar” (icona dos prismáticos) e introduce os datos.
IMPORTANTE: O MINISTERIO FACILITA AS PARCELAS PROPOSTAS INICIALMENTE POLAS EMPRESAS, PERO ADVIRTEN QUE ADOITAN ELIXIR SÓ ALGUNHAS DELAS. POLO TANTO, O QUE SE RECOLLE AQUÍ SON AS PARCELAS ONDE SE SOLICITOU EXPERIMENTAR, O QUE NON QUERE DICIR QUE FINALMENTE SE EXPERIMENTE EN TODAS ELAS.
Datos das Parcelas: Provincia: A Coruña Municipio: Mesía Empresa: Pioneer Datos Catastrais: Polígono 505 Parcelas: 562
Que riscos comportan estes ensaios experimentais en campo? Os ensaios con transxénicos ao aire libre presentan multitude de riscos, xa que a súa seguridade non foi nin tan sequera avaliada. Son organismos modificados xeneticamente, novos seres vivos, de que case non se ten información, que se están liberando ao medio. Poden contaminar outros cultivos próximos, xa que non hai forma de controlar o vento ou as abellas, que dispersan o pole a grandes distancias. Poden deixar restos no chan. Aínda que tras estes experimentos se esixe a destrución das plantas obtidas, non hai practicamente control. Documentos da Comisión Nacional de Bioseguridade mostran que frecuentemente as empresas non se comprometen a destruílas, nin tampouco informan de como realízase o traslado das mostras. Da maioría, non se avaliaron os seus posibles efectos para a saúde, tanto por inxestión como por posibles efectos directos aos veciños. Dalgúns, con danos demostrados sobre a saúde, continuouse o seu cultivo experimental en case un centenar de parcelas en España en 2008. e seguiuse experimentando en 2009 e 2010.
Incerteza científica Os ensaios son autorizados polo Consello Interministerial de OMG, previo ditame da Comisión Nacional de Bioseguridade (CNB). A autorización dos ensaios prodúcese coa argumentación: “Considérase que no estado actual de coñecementos e coas medidas de uso propostas, os ensaios non supóñen un risco significativo para a saúde humana e / ou o medio ambiente.” (ver calquera das autorizacións na páxina web do MARM).
Desde Amigos da Terra consideramos que se non hai coñecementos suficientes como para garantir a seguridade destes cultivos antes de liberalos ao medio ambiente, autorizalos é unha auténtica irresponsabilidade. A CNB (Comisión Nacional de Bioseguridade) conta con só 7 representantes científicos (dun total de 46 membros), moitos deles publicamente defensores dos transxénicos e con relacións demasiado próximas coa industria dos transxénicos, as súas fundacións e lobbies como para que os consumidores e consumidoras poidamos estar tranquilas. Entre os representantes da Administración nesta Comisión, algúns tamén manteñen unha relación demasiado estreita coa industria *
Acontécense os casos de contaminación de alimentos por transxénicos experimentais Durante os últimos anos sufríronse varias alertas alimentarias por transxénicos experimentais que contaminaron alimentos. Un dos casos máis graves é o do arroz transxénico LL601 da Bayer. A empresa experimentou con este arroz entre os anos 1998 e 2001 en EE.UU. Pero en 2006, cinco anos despois, este arroz transxénico, non autorizado para consumo humano ou animal en ningún país, apareceu nos supermercados de todo o mundo. Cando Bayer tivo que xustificar a orixe desta contaminación, alegou que só podía ser explicado como “un acto de Deus”. Este caso móstranos o grave risco que supón a experimentación con transxénicos ao aire libre. Unha vez libérase un transxénico ao medio ambiente, é imposible de conter. E ademais as multinacionais non teñen ningún interese en facelo, xa que por exemplo a raíz deste incidente, Bayer conseguiu a aprobación do seu arroz en varios países. Esta multinacional está afrontando agora as demandas por danos e prexuízos dos arroceiros estadounidenses.
Que medidas de seguridade debe seguir un experimento con transxénicos ao aire libre? As medidas de seguridade requiridas para estes cultivos recólleas o informe de avaliación de riscos emitidos pola Comisión Nacional de Bioseguridade, que adoita consistir en marcar unhas distancias con respecto a cultivos convencionais, e o método para eliminar os restos vexetais despois do ensaio. A lectura das actas desta Comisión dá idea da pouca seriedade das multinacionais que realizan os ensaios para cumprir cos requisitos marcados, e xera moita inquietude con respecto a quen e como fai o seguimento para garantir que estas condicións se cumpren. Pódense ver os requisitos para un campo experimental en concreto na web do Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño*, seguindo o número de expediente de cada ensaio. (Aínda non están publicadas as correspondentes a 2010).
Encontraches un campo experimental, e non cumpre os requisitos que lle pide a autorización? Non o dubides, pon unha denuncia canto antes ante calquera axente da autoridade (Garda Civil, Axente Forestal, Axente de Medio Ambiente, Policía Autonómica, Policía Municipal, etc) E a ser posible, cóntanolo. Podémosche asesorar legalmente e axudar a pór a denuncia.
Sabemos entón onde están todos os cultivos transxénicos ? A listaxe que facemos público inclúe os cultivos transxénicos experimentais. España, ademais de acoller case a metade de todos estes experimentos, é o único estado da UE que cultiva transxénicos de forma comercial a gran escala, con 76,000 hectáreas de millo transxénico MON810 cultivadas en 2009. Malia que a normativa europea recolle a obriga dun rexistro con estas parcelas, o Goberno español só fai públicas cifras de superficie por Comunidade Autónoma, a partir dos datos fornecidos polas empresas de sementes. Non hai ningún tipo de control nin seguimento, e non hai posibilidade de que os labregos e labregas, convencionais ou ecolóxicos, poidan protexerse ou reclamar danos por contaminación xenética dos cultivos transxénicos comerciais.
* Consultar o Informe de Amigos de la Tierra Las Malas Compañías II: ¿Quién decide la política del Gobierno sobre transgénicos? Contacta con nós en:
Amigos da Terra Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo Tlf: 988 374 318 |






