| Amigos de la Tierra esixe a Rosa Aguilar que prohiba o cultivo de transxénicos en España |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 20 Decembro 2010 10:29 |
|
Agricultores, ecoloxistas e consumidores esixen a Rosa Aguilar que a política española sobre transxénicos deixe de estar ditada polas multinacionais e que se prohiba o seu cultivo. Wikileaks demostra a alianza de determinados membros do Goberno de España con EEUU para favorecer á industria dos transxénicos e para premer a UE.
As organizacións esixen á ministra de Medio, Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, que adopte as medidas oportunas, tome inmediatamente cartas no asunto esixindo responsabilidades aos que, escandalosamente, traballaron para favorecer os intereses das grandes multinacionais biotecnolóxicas en detrimento dos do conxunto da sociedade, da saúde pública e do medio.
Dende hai máis dunha década o Goberno de España defendeu practicamente en solitario o cultivo de transxénicos na UE, e é o único país que tolerou o seu cultivo a grande escala (segundo datos do propio ministerio, cultívanse entorno a 70.000 hectáreas dun millo modificado xeneticamente de Monsanto). E fíxoo sen cumprir coas normas europeas e españolas de transparencia, sen seguir os produtos a través da cadea alimentaria, sen obrigar a etiquetar os alimentos transxénicos e sen realizar seguimento ningún dos campos cultivados con estas perigosas sementes. Os datos feitos públicos agora explican por que se permitiu que campen ás súas anchas as multinacionais do sector, a pesar dos innumerables casos de contaminación xenética e os danos sociais e económicos que estes cultivos ocasionaron.
A prohibición do cultivo de transxénicos por parte do Executivo español é imprescindible para poder defender os intereses do noso medio, a nosa agricultura e a saúde pública, para que estes non sigan en mans da industria dos transxénicos, dos intereses de EEUU e dos que, dende as institucións españolas, os apoiaron abertamente, tal e como quedou demostrado nos cables de Wikileaks.
Non quedes parado ante a revelación de Wikileaks sobre os transxénicos! |






