| Día do cooperante |
| Escrito por Montse Fernández |
| Martes, 08 Setembro 2009 17:15 |
|
Hoxe celébrase o Día do Cooperante, unha data na que recoñecemos o labor de miles de persoas que traballan na loita contra as desigualdades do mundo, profesionais que dedican o seu tempo a aqueles que máis o necesitan. Unha celebración que para Amigos da Terra ten como obxectivo sensibilizar a poboación dos países máis desenvolvidos na importancia de manter o compromiso internacional da axuda para o desenvolvemento.
Este ano a celebración está enmarcada dentro da Semana da Cooperación e céntrase na idea de que a cooperación é máis necesaria en tempos de crise, xa que esta, afecta en maior medida ás poboacións máis vulnerables e necesitadas. É necesario facer fincapé en que a cooperación por si soa non cambia nada, pero se se vincula á necesidade dun consumo responsable, incidindo en que calquera acción por moi pequena e insignificante que pareza, vai repercutir favorablemente en aquelas poboacións máis desprotexidas, e por iso temos que traballar na construción de cidadáns críticos.
O Día do Cooperante, coincide coa conmemoración da Declaración dos Obxectivos do Milenio de Nacións Unidas do ano 2000. Dentro destes principios se cita á cooperación internacional como un dos instrumentos básicos para resolver os problemas internacionais de carácter económico, social, cultural ou humanitario, pero sen esquecer a participación activa das mesmas comunidades beneficiarias.
Neste día tan especial, Amigos da Terra quere recoñecer de forma particular a gran labor dos nosos cooperantes en Centroamérica: Joel Thomas como representante do Salvador, Guillermo Rodríguez representante de Nicaragua e Ramón Cucurull representante de Honduras.
Grazas a eles e a implicación das diferentes contrapartes e beneficiario/as estanse acadando logros importante na Zona do Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal, organización comunitaria, participación das mulleres nos procesos de desenvolvemento, e por suposto na protección do medio ambiente a través do aproveitamento sostible dos recursos naturais.
|




