| Amigos da Terra participará no Foro de ONGD de Vigo |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 17 Novembro 2010 14:29 |
|
O próximo sábado día 20, Amigos da Terra estará presente no Foro de ONGD do Concello de Vigo, un encontro organizado polo Consello Municipal de Solidariedade e Cooperación Internacional de Vigo e que terá lugar na Praza de Compostela en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas, e que finalizará cun concerto de “La Habitación Roja” no Auditorio Municipal ás 21 horas. O principal obxectivo deste foro é que as ONGD da cidade se relacionen directamente con toda a cidadanía, por iso, durante o día darán a coñecer os seus proxectos, accións de solidariedade e cooperación internacional. Ademais, durante toda a xornada, un grupo de teatro achegaranos aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio con obradoiros, accións itinerantes, performance, contacontos, etc.
En concreto, dende a asociación, ademais dunha mesa informativa sobre os nosos proxectos e actividades, temos previsto levar a cabo a actividade de cálculo da “Pegada Ecolóxica”, coa que mediremos o impacto ambiental que ten sobre a Terra o noso estilo de vida.
Así mesmo, en conxunto co resto de ONGD participantes realizaremos a “Busca do Tesouro”, un xogo no que a través dunhas tarxetas con pistas, os/as participantes deberán encontrar ás ONGD ás que fan referencia.
E como fin de festa, ás 21.00 horas no Auditorio Municipal, terá lugar un concerto gratuíto a cargo do grupo "La Habitación Roja" para esixir o cumprimento dos Obxectivos do Milenio. As persoas interesadas en asistir ao concerto poderán recoller as entradas na nova sede de Amigos da Terra e AGARESO na Rúa Policarpo Sanz nº 17 1º D, en horario de 9.00 a 14.00 horas ou na Concellería de Benestar Social, na Praza do Rei, nº1, en horario de 9.00 a 13.00 horas. |





