| Exposición "Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible" en Pontevedra |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 02 Febreiro 2011 10:46 |
|
Dende mañá, día 3 e ata o 17 de febreiro, a sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acollerá a exposición “Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios).
A inauguración oficial da mesma, terá lugar mañá, xoves 3 de febreiro ás 20.00 horas.
Amigos da Terra e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), a través dun convenio de colaboración, comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización que permitirá dar a coñecer en Galicia o traballo que Amigos da Terra leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible.
O principal obxectivo desta colaboración é sensibilizar á poboación galega e difundir o traballo que Amigos da Terra está a realizar en cooperación ao desenvolvemento con enfoque ambiental,sempre coa premisa de que a xestión integrada do medio ambiente é clave para poder erradicar a pobreza no mundo.
O primeiro paso foi a viaxe de cinco reporteiros rumbo ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que a asociación está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten a xestión e uso desa área xeográfica, un ecosistema que destaca pola súa biodiversidade mariño-costeira.
Esta exposición, reflexa a través de 61 instantáneas as primeiras impresións e vivencias deste grupo de reporteiros durante a súa visita aos proxectos de Amigos da Terra.
A mostra permanecerá no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia ata o vindeiro 17 de febreiro, e poderá visitarse en horario de 9.00 a 14.00 horas.
|






