| Colectivos ecoloxistas galegos esixen a publicación do borrador da Lei de Protección Animal |
| Escrito por Montse Valencia |
| Mércores, 10 Setembro 2008 14:36 |
|
Diferentes organizacións ecoloxistas e de protección dos animais de Galicia reclaman, mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a publicación do borrador da Lei de Protección e Benestar Animal de Galicia tal e como se anunciara fai un ano polo conselleiro de medio ambiente, Manuel Vázquez.
O escrito, que foi dirixido hoxe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, recolle o malestar das organizacións que asinan polo desleixe que reflicte a administración facendo caso omiso das reclamacións que durante os últimos anos veñen anunciando, non só dende o ámbito ecoloxista e de defensa dos dereitos dos animais, senón numerosos cidadáns que de forma particular solicitan a ampliación da cobertura dos dereitos animais en Galicia.
A lei vixente na actualidade data de 1993, e segundo declaracións oficiais do conselleiro, a normativa que debe protexer e ampliar os dereitos animais en Galicia “debe adaptarse ás esixencias da sociedade do século XXI, que non concibe o maltrato nin a indiferenza cos animais”. Nembargante, e pese a inicial concienciación declarada polo conselleiro, o departamento autonómico de Conservación da Natureza segue sen pronunciarse sobre a futura publicación do texto outorgando continuación e vixencia á Lei de 1993 que regula de forma moi somera os dereitos dos animais e as obrigas dos propietarios.
Asemade, as sancións que recolle o texto en vigor deberan incrementarse co fin de garantir a adecuación do tratamento que se persegue conseguir na sociedade actual e non sancións cuxa cuantificación é tan ridícula que non se pode garantir a non reiteración dos feitos. Por outra parte, ademais da elevación da contía das multas, os colectivos queren destacar a necesidade de inhabilitar aos maltratadores para unha futura tenencia de animais. En canto aos espectáculos tradicionais nos que interveñen animais, estes deberan quedar totalmente erradicados a través da regulación da futura lei, xa que actúan como claro indicador do deterioro moral dunha sociedade. O fomento dos procesos participativos nos que poidan intervir axentes sociais implicados na defensa dos animais, é outro dos reclamos que as entidades asinantes quixeron expresar a través do escrito dirixido á Dirección Xeral que dirixe Benito Reza. En relación aos establecementos que dunha forma ou outra posúan animais, pola súa venta, recuperación ou recollida, precísaxe un maior control e vixianza por parte das autoridades competentes, que garanta o cumprimento das normas esixidas a ditos establecementos co fin de outorgarse aos animais as condicións sanitarias e de benestar mínimas, cousa que en poucas ocasións ocorre, ben por falta de medios técnicos, económicos ou de persoal dos propios establecementos. Os grupos asinantes esperan que o escrito teña unha maior receptividade e relevancia para a Dirección Xeral de Conservación, xa que fai uns meses foi enviado outro de similares características que non obtivo a pertinente resposta por parte do executivo galego e o silencio administrativo volveu caracterizar a lexislatura do departamento de medio ambiente da Xunta de Galicia.
As asociacións asinantes son as seguintes:
COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS, LIBERA!, VERDEGAIA, FEDERACIÓN ECOLOXISTA DE GALICIA (FEG), UNIÓN DE PROTECTORAS DE ANIMAIS FEDERADAS DE GALICIA (UPAFGA), MATAR POR MATAR, NON!, ADEGA, FEDERACIÓN GALEGA DE MEDIO AMBIENTE, (FEGAMA), ASOCIACIÓN POLA PROTECCIÓN ANIMAL ABEIRO e AMIGOS DA TERRA
|



