Portada Denuncias Amigos da Terra denuncia o incumprimento normativo e reiterado da Consellería de Medio Ambiente
Amigos da Terra denuncia o incumprimento normativo e reiterado da Consellería de Medio Ambiente
Escrito por Montse Valencia   
Mércores, 12 Novembro 2008 09:36

 

A Consellería de Medio Ambiente incumpre o prazo para o envío da información ambiental solicitada sobre o borrador da lei de protección e benestar animal de Galicia, incorrendo nunha ilegalidade da norma que regula o acceso a dita información.

 

O escrito enviado en setembro por dez grupos ecoloxistas galegos á Consellería de Medio Ambiente, concretamente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, versaba sobre unha solicitude de carácter ambiental na que se pedía información relativa ao estado no que se atopaba o borrador da Lei de Protección e Benestar Animal de Galicia, texto normativo cuia publicación viña sendo anunciada dende outubro do ano pasado polo conselleiro Pachi Vázquez, sen que chegara nunca a ver a luz.

A citada información solicítase en base á Lei 27/2006, de acceso á información ambiental que di que a autoridade pública competente debe enviar dita información ou resolución análoga, no prazo dun mes. Onte se cumpriron dous meses dende o envío do escrito polos diferentes colectivos que tratan de exercer un dereito recollido na citada normativa e de obrigado cumprimento para a administración posuidora da información.


As vias legais de acceso á información ambiental para os grupos ecoloxistas que se acollen ás mesmas mediante o cumprimento dunha serie de requisitos e prazos son, pola contra, sistematicamente incumpridas pola Consellería de Medio Ambiente que obstaculiza a lexítima labor dos mencionados grupos.


A necesidade dunha Lei de protección e benestar animal para Galicia é unha esixencia que se ven facendo eco dende varios sectores sociais, sen que ata o de agora se fixera actuación algunha tendente á publicación do texto, previa posta en información pública do borrador para poder facer as correspondentes alegacións.


A administración galega queda unha vez máis en evidencia, non so polo incumprimento moral e funcional de cambiar a lei vixente que dispón dun articulado obsoleto e falto de concienciación e sensibilización cos animais, senón tamén un incumprimento legal, por canto omite o deber do envío da resolución pertinente.


Ante esta situación, Amigos da Terra recorrerá esta inactividade administrativa e reiterada xa que esta é a segunda vez que a Dirección Xeral omite o envío da información relativa ao estado do borrador da lei de protección e benestar animal de Galicia.

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.