Portada Denuncias Amigos da Terra solicita información á Consellería sobre o valado cinexético do Bidueiral
Amigos da Terra solicita información á Consellería sobre o valado cinexético do Bidueiral
Escrito por Montse Valencia   
Martes, 18 Novembro 2008 09:21

 

En maio de 2007 anuncíabase pola Consellería de Medio Ambiente o inicio das negociacións coa empresa titular da explotación do coto de caza maior que, de forma irregular, viña exercendo a caza ao longo de 740 has. dun espazo natural protexido e cualificado como Lugar de Importancia Comunitaria e, polo tanto, protexido pola Directiva Hábitats.

 

Pero lonxe de acadar o consenso entre administración e empresa para a supresión do valado, un ano e medio despois, este continua sen levantarse ocasionando un alto impacto visual na zona e aumentando a perda de biodiversidade, xa que actúa como barreira antinatural entre a fauna que habita dentro da zona cercada e os animais que campan no monte.

En novembro de 2007, Amigos da Terra solicitaba información sobre o estado no que se atopaban as negociacións, mostranto grande preocupación polo paso do tempo sen que se procedera ao levantamento do valado.


Un ano despois, repítese o envio do escrito que, basado na Lei 27/2006 de acceso á información ambiental, pretende obter información que sinalen cales son as circunstancias que impiden proceder á Consellería de Medio Ambiente, tal e como esta anunciara, e acabar cunha construción que produce un importante dano ecolóxico, ambiental e paisaxístico ao Macizo Central ourensano.

Nembargante, dende a Consellería omítese todo tipo de información trasgrédendose o dereito de Amigos da Terra de acceder á mesma, obstaculizando de este modo, o exercicio dun dereito previsto legalmente.

É preciso facer unha mención ao interese que ten o Conselleiro de medio ambiente de nomear o Macizo Central ourensá, parque natural de Galicia, zona xa incluída na Rede Natura 2000.

Pese a recibir una chea de títulos ambientais que lexitiman ao citado Macizo para prescindir de todo tipo de construcións e actividades contrarias á súa conservación, este continua véndose ameazado por unha explotación empresarial cuio obxectivo é o rendemento económico da súa actividade. Correspóndelle á administración, a salvaguarda ambiental e social da zona por imperativo legal.

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.