Portada Denuncias Publícase a Resolución pola que se autoriza a instalación da Central Hidroeléctrica Santo Estevo II
Publícase a Resolución pola que se autoriza a instalación da Central Hidroeléctrica Santo Estevo II
Escrito por Montse Valencia   
Mércores, 14 Xaneiro 2009 10:23
O Boletín Oficial da Provincia de Ourense anunciou o pasado 5 de xaneiro, a Resolución pola que se autoriza a instalación da central hidroeléctrica de Santo Estevo II, en Nogueira de Ramuín.

O anuncio procede da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Estado e sinala que a central situarase na marxe esquerda do río Sil e o seu obxectivo será “aproveitar os excedentes non turbinados pola actual central a pé de presa de Santo Estevo, mediante a implantación dun grupo de xeneración para turbinar o caudal nominal e máximo autorizados.”


O anuncio lembra tamén que en maio do pasado ano, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, informou favorablemente a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para o citado proxecto, polo que recibiu alegacións dos grupos ecoloxistas e dalgunhas institucións.

Logo de transcorrer o periodo correspondente de contestación ás alegacións por parte do organismo competente e anunciada publicamente a inminente execución do proxecto de ampliación, cabe a interposición do recurso de alzada, como via pola que os interesados solicitarán a revisión á propia administración do acto que autoriza dita ampliación.

O goberno galego pronunciouse contrario á validación favorable da DIA e a Xunta de Galicia tratou de executar unha encomenda de xestión que lle permitira ter competencias absolutas sobre as Concas galegas. Petición tardía e denegada pola ministra de medio ambiente que sinalou que o ministerio posúe tal competencia e, en aras a practicar a mesma, daba luz verde a un proxecto no que se dilucidan máis intereses económico-especulativos, que ambientais.

Amigos da Terra
considera que a ampliación da central hidroeléctrica Santo Estevo, suporá facer maior a ameaza que sofren os Canóns do Sil na Ribeira Sacra, paraxe protexida ambiental (Directiva Hábitats e Directiva Marco da Auga) e paisaxisticamente (Lei da paisaxe galega, entre outras).

Os mecanismos de presunta defensa do entorno ecolóxico galego que se elevan a leis e normas traspostas ao ordenadamento xurídico español e autonómico, son reiteradamente obviadas e manipuladas pola administración ambiental que reflicte máis o desexo de complacencia ás empresas, que o traballo pola protección e conservación do que é de toda a cidadanía.

Ley 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada

Recentemente se publicou esta lei co obxecto de preservar o patrimonio fluvial de Galicia e coa finalidade de compensación dos efectos negativos que sofre o entorno natural e a reparación do dano medioambiental causado por actividaes que, precisamente, poñen en perigo o mantemento e conservación de dito entorno.

A lei aplícase a aquelas actividades e aproveitamentos que empreguen encoros e con ela preténdese impulsar o “crecemento económico sostible” aínda que, lonxe de acadar este obxectivo, o crecemento económico galego pasa por incumplir as normas ambientais e primar a economía non sustentable en detrimento do medio ambiente.
 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.