| Amigos da Terra insta ao Valedor para que solicite información sobre a canceira de O Carballiño |
| Escrito por Montse Valencia |
| Venres, 06 Marzo 2009 11:56 |
|
Amigos da Terra tramitou onte queixa ante o Valedor do Pobo na que solicita lle facilite a información ambiental que o pasado mes de decembro o colectivo requiriu de distintas administracións, sobre o estado das instalacións que albergaban 300 cans na canceira do Carballiño Conforme a lei de procedemento administrativo, as administracións teñen a obriga de resolver dictando resolución expresa sobre os motivos que lle son requiridos, neste caso, o estado no que se atopaban as instalacións da canceira municipal, e notificalo nun prazo máximo de tres meses. Perante o “silencio administrativo” das diferentes autoridades competentes, o colectivo ecoloxista optou por interpór unha queixa ante o Valedor do Pobo en Santiago de Compostela sen prexuízo de elaborar os correspondentes recursos tal e como establece a lei anteriormente citada e que elevarán as denuncias nas que reclamaban información, aos órganos superiores xerárquicos daqueles que tiñan que dictar resolución. A reiteración das denuncias sucédense polos diferentes grupos ecoloxistas dende o ano pasado sen que ningún grupo obtivera resposta algunha ata agora. Nesas denuncias tratábase de dilucidar os datos que esclareceran a situación na que se mantiñan os cans nas instalacións, xa que o recinto ven carecendo de forma continuada de subministro eléctrico, de abastecemento de auga potable e de servizo veterinario oficial, entre outros. Amigos da Terra tamén preguntaba polo programa de adopción da canceira de que dispuña presuntamente o concello e canto persoal tutelaba as condicións de habitabilidade e aloxamento dos cans (limpeza, manutención, regras de distribución dos cans nas gaiolas e dimensións das gaiolas). Actualmente, a este requirimento de información ambiental, engádese a demanda de información sobre a documentación que verifique o alta no Rexistro Oficial da Consellería de Medio Ambiente da canceira como “núcleo zoolóxico” e a documentación que avale as declaracións que se veñen publicando dende o concello carballinés sobre a contratación dunha empresa que xestione os cadáveres dos cans e o tratamento polo facultativo, dos mesmos. Investigacións do SEPRONA Amigos da Terra confía plenamente nas xestións que está a executar o Servizo de Protección da Natureza de O Carballiño e dende colectivo aclaran: “é imposible que dende o concello coñezan o contido do informe xa que ata o momento non se sabe se o Seprona vai elaborar un atestado para o xulgado ou unha acta de inspección para a Consellería de Medio Ambiente, así que é imposible que a concelleira esté ao tanto do contido dese informe que aínda non viu a luz”.
|





