Portada Denuncias Amigos da Terra esixe o cumprimento do principio ambiental: “Quen contamina, paga"
Amigos da Terra esixe o cumprimento do principio ambiental: “Quen contamina, paga"
Escrito por Montse Valencia   
Xoves, 02 Xullo 2009 07:04

Os continuos vertidos ao río Barbaña son un mal crónico ao cal as distintas administracións non quixeron porlle freno.

Amigos da Terra tramitou tres denuncias en outubro de 2006 ante a Confederación Hidrográfica do Norte, organismo competente na salvagarda do río naquela data, ante o concello de Ourense e ante o concello de San Cibrao das Viñas, anunciando a presenza de augas fecais no río Barbaña procedentes dunha urbanización de vivendas carente de sistema de depuración e do polígono Barreiros, unha das zonas industrias das que proceden parte das augas residuais dos catro polígonos que van dar á actual depuradora na que se orixinaron os feitos recentemente acontecidos.

Tan so unha das tres denuncias foi contestada. O concello de San Cibrao enviou á entidade ecoloxista un breve informe que recollía os resultados da inspección levada a cabo nas empresas do polígono a raíz da súa denuncia. No mesmo, dise explicitamente que “a empresa non está conectada ao sistema de saneamento da zona” ou “a empresa inspeccionada carece de arquetas visitables e separación de augas pluviais” anunciando ademais, o nome das mesmas. Este informe será remitido á Fiscalía de Ourense onde xa se están levando a cabo as oportunas investigacións para dar coa autoría do vertido tóxico causante dun claro delito ecolóxico do que deberan resultar responsabilidades penais.

Ademais da concurrencia penal e administrativa que debera resultar dos feitos acaecidos no río Barbaña, a Administración debe executar o mandato da Lei de responsabilidade ambiental cuio espíritu parte do principio de “Quen contamina, paga” polo que aquel operador que contamine, estará obrigado a reparar os danos ou prexuízos ocasionados ao medio ambiente incluíndo situacións de alto risco que tamén terán a súa valoración económica. Segundo esta norma, non é necesario que se produza efectivamente o dano ambiental, senon que será tamén cualificado segundo a lei, a ameaza inminente.
 
No caso da contaminación ao río Barbaña acontecida a semana pasada existe, polo tanto, unha agravante probada que é a seguridade de que xa se viñan producindo vertidos ao río Barbaña e que estes viñan sendo en reiteradas ocasións denunciados, sen que as administracións traballaran para atallar un problema medioambiental que ven de dar o seu máis alarmante resultado: máis de 17000 especies piscícolas mortas, entre as que se atopan especies en perigo de extinción, e a desaparición do 80% da flora de ribeira.

En base á Lei de responsabilidade ambiental, as empresas deberán facer fronte a novas obrigacións e responsabilidades para previr e reparar os danos e prexuízos medioambientais e evitar que estes gastos continúen recaendo en fondos públicos. Unha vez as dilixencias da Fiscalía ourensá anuncien a autoría do vertido ao río Barbaña, a empresa responsable de dita contaminación e, independentemente da responsabilidade penal e administrativa na que incorra, estará obrigada a reparar e devolver os recursos naturais danados o seu estado orixinal, sufragando o total dos custos aos que ascenda a correspondente acción preventiva ou reparadora.

Amigos da Terra
considera fundamental que as administracións responsables directas do coidado do medio ambiente e da saúde das persoas, coñezan o contido desta Lei de responsabilidade ambiental e a fagan cumprir ás empresas potencialmente perigosas ou susceptibles de contaminar, previndo a producción de accidentes instrumentando novos sistemas de responsabilidade.

 

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.