| Verquidos ao río Barbaña: Quen contamina ...paga? |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 14 Xaneiro 2010 08:15 |
|
Fonte: Amigos da Terra. Río Barbaña. 2008
A orixe do verquido estase investigando pola Fiscalía de Medio Ambiente pola presunta existencia dun delito ecolóxico. Aínda que a autoria dos verquidos descoñécese polo momento, a Confederación Hidrográfica ten a intención de sancionar ao concello de San Cibrao cunha multa que ascende aos 450.000 euros polo que entendemos que efectivamente é unha responsabilidade compartida de dito concello con respecto ás empresas de onde procederon as substancias contaminantes do verquido.
Independentemente da autoría do verquido, o concello é responsable da falta de inspección ás empresas das que emanaron ditas substancias, empresas situadas nos polígonos de San Cibrao e Barreiros. A responsabilidade é dobre, en todo caso: a administración por falta de dilixencia e por autorizar instalacións a sabendas da sobresaturación e deficiente funcionamento da EDAR do concello, e as empresas pola responsabilidade ambiental pola contaminación a un recurso hídrico.
Quen é solvente, pode continuar contaminando
O resultado da análise do principio Quen contamina, paga, regulado na Lei de responsabilide ambiental do 2008, é que aqueles operadores que teñan solvencia para pagar as multas, poden seguir contaminando a través da súa actividade.
Este parece ser o principio que se aplica ao concello de San Cibrao polos seus reiterados verquidos que provoca ou non evita sobre o Barbaña. A Lei é moi clara no seguinte aspecto: o causante da contaminación debe encargarse da restauración total do impacto ambiental, polo que non se trata só do pago da indemnización dineraria. E, por outro lado, non só se sancionará ao que con culpa ou dolo provoque unha agresión ecolóxica senón tamén a aquel que de forma neglixente non adopte as medidas axeitadas de evitación e prevención.
Amigos da Terra púsoxe en contacto con diferentes administracións precisamente para saber quen foi a institución a cargo da cal se instou a recuperación ambiental do Barbaña e cal é a situación actual do mesmo en canto á flora e á fauna. Unha vez coñecida a autoría directa imputable a algunha das empresas dos polígonos, debe establecerse a responsabilidade, non só económica dos feitos, senón a de restaurar o espazo ambiental afectado ou, no seu defecto, a devolución económica dos custos de dita reparación porque esta Lei, en definitiva, o que pretende é que non sexan os cidadáns os que teñan que asumir os gastos.
Ademais, para evitar que os responsables da contaminación se declaren insolventes e eviten restaurar o contorno, a Lei impón ás empresas un Fondo de Garantía Obrigatoria de distinta contía segundo a estimación en euros do posible dano.
Amigos da Terra considera a sanción do pago dunha multa de 450.000 euros proposta pola Confederación Hidrográfica axeitada pero insuficiente. Existen outro tipo de sancións denominadas funcionais como a revocación de autorizacións ou o peche de instalacións alén da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan ao medio ambiente e poñen en serio perigo a saúde das persoas.
|



