| Amigos da Terra denuncia ao Concello de Verín pola falta de xestión dos cans abandonados |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 04 Marzo 2010 12:28 |
|
A asociación ecoloxista, que enviara tres denuncias por esta mesma causa fai uns anos, continua recibindo comunicacións de veciños alertando da presenza de cans de caza abandonados pola vila e a omisión, por parte da Concellería de medio ambiente de Verín, das xestións oportunas para rematar con esta situación.
Esta apartado está regulado pola actual Lei de protección de animais domésticos de Galicia, que establece a obrigatoriedade de que sexan os concellos os competentes para recoller os animais abandonados, con independencia de que neste concello, exista un centro de recollida. A norma di que as administracións locais concertarán convenios coa Xunta de Galicia e con entidades autorizadas para a protección e defensa dos animais.
Ademais, mediante esta nova denuncia ao concello de Verín, Amigos da Terra solicita que se dea unha solución para unha cadela de caza abandonada e localizada na parroquia de Santa María de Ábedes. Debe comprobarse se o animal dispón de microchip para saber se o seu propietario cumpriu cos deberes legais. Se a cadela non leva tal dispositivo se estaría ante a presenza dun dobre incumprimento da lei de protección dos animais e da lei de caza de Galicia.
Neste caso, son os veciños os que están a alimentar á cadela, xa que o concello de Verín lles anuncia que non ten competencia para xestionar a situación. Namentres, os animais deambulan polas vilas, o que carrexa consecuencias nefastas, tanto para os propios animais como para a poboación, polo risco de infeccións e mordeduras pondo en perigo a saúde pública e pola alta probabilidade de que se provoquen accidentes de tráfico nas rúas da vila.
|



