| Patrimonio cultural galego ameazado: a muralla de Verín |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 11 Marzo 2010 12:31 |
|
Amigos da Terra solicita á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia que proporcione información sobre os plans de conservación da muralla de Verín, ameazada pola construción dun inmoble e pola falta de protección local rexistrada no Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A muralla ten un perímetro de 1.950 metros con 4.80 de altura e 0.80 de grosor, feita de pedra miúda e suavemente escarpada. O baluarte presenta unha parte pentagonal, cun ángulo saínte cara ao sur e duns 18 metros en cada lado, continuándose uns poucos metros nos outros lados do polígono, sendo os lenzos mellor conservados os que se atopan no interior da horta privada onde está a muralla.
A Dirección Xeral de Patrimonio solicitou no ano 2004 o derrubamento da edificación da rúa Elle, onde está situada a muralla, promovida por unha empresa construtora, non tendo en conta a aparición dos restos conservados da antiga muralla.
O ben é integrante do patrimonio arqueolóxico de Galicia e polo tanto, deberá garantirse a súa conservación segundo se dispón na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Verín, que se publicou en decembro de 2005, non inclúe, na súa redacción, expresamente a muralla polo que quedou sen protección específica na normativa urbanística.
Con todo, a Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Ourense acordou, con data 28 de xaneiro de 2004, integrar o lenzo da muralla no patrimonio arqueolóxico de Galicia e polo tanto, procurar a súa conservación e propuxo a súa inclusión no inventario xeral de Patrimonio Cultural de Galicia.
Pese a todo, a conservación da muralla é lamentable aínda na actualidade, e son moitos os veciños verinenses que se puxeron en contacto con Amigos da Terra tentando buscar unha solución.
Esta situación fora xa denuncia pola asociación en outubro de 2005 pero endexamais houbo unha contestación por parte da administración galega. Neste senso é necesario advertir que a falta de contestación das administracións, pese a ser un feito habitual, é reprochable tanto dende o punto de vista social como legal. As administracións teñen a obriga de resolver as cuestións que, asociacións ou cidadáns, lles plantexen porque, doutro xeito, créase un halo de inseguridade xurídica xeral e inxustificable.
|





Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.