| O concello de Vigo continúa coa súa política de silencio sobre Vigozoo |
| Escrito por Montse Valencia |
| Mércores, 21 Xullo 2010 11:15 |
|
Amigos da Terra dirixiu unha queixa ao Valedor do Pobo pola falta de contestación do concello sobre a petición de información ambiental solicitada ao Organismo Autónomo Municipal Parque das Ciencias Vigozoo.
Ao longo do 2009 foron detectadas varias irregularidades no Parque das Ciencias Vigozoo, o que levou á administración europea a trasladar unha “carta de emprazamento” ao Estado membro español advertindo á autonomía galega da falta de cumprimento da Directiva europea de Zoos e da Lei de Conservación da Fauna Silvestre nos Parques Zoolóxicos.
Ante estas irregularidades ambientais, Amigos da Terra conqueriu á Concellería de Medio Ambiente de Vigo, documentación para cotexar o estado do parque zoolóxico e o cumprimento da normativa co fin de avaliar a necesaria adaptación do zoo ás leis infrinxidas. Así, solicitábanse copias dos informes realizados polos auditores externos sobre a situación do zoo con posterioridade ao requirimento europeo, as copias dos informes das avaliacións e inspeccións realizadas ao zoo, a copia da licenza municipal de apertura do parque zoolóxico e a titularidade do mesmo.
O inicio destas lexítimas peticións baseadas na lei de Aarhus, comezou en outubro do ano pasado. A última solicitude trasladouse ao concello o 13 de maio sen que, ata o de agora, se recibira documentación algunha sobre o solicitado.
Amigos da Terra deu traslado da queixa ao Valedor do Pobo coa intención de que este interceda entre a asociación e a administración viguesa. En todo caso, a petición de información ambiental dirixida ao concello está amparada pola lei para contribuir a garantizar a protección do medio ambiente e a saúde das persoas.
|



