Portada NOVAS Vigo, a maior cidade galega, sen punto limpo
Vigo, a maior cidade galega, sen punto limpo
Escrito por Maria Durán   
Luns, 02 Xullo 2012 08:54
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

Copia_de_debuxo_Kiko_punto_limpo_peq

Vigo e a cidade máis limpa de España, polo menos iso di a publicidade municipal con certa inmodestia, e para acreditalo concédesenos unha nova vasoira de platino. Que ese mesmo galardón, tamén logo de pagamento, o teñan unha ducia de cidades máis é un detalle sen importancia á hora de presumir. A vasoira viguesa seguramente ten máis platino que as outras.
Descoñecemos os criterios que se seguen para conceder estas distincións, ademais de pagar previamente 12.000 euros, pero sen dúbida hai un indicador que non se ten en conta: a existencia de puntos limpos.

Neste momento Vigo xa é a única cidade galega que carece deste necesario servizo para a xestión dos seus residuos. Un punto limpo é unha instalación na que, en espazos debidamente identificados e específicos para cada tipoloxía, se depositen aqueles residuos que non contan cun servizo específico para a súa recollida diferenciada, en nosos xa famosos colectores de cores rechamantes, e que polas súas características precisan unha xestión especial.

 

Nos puntos limpos recóllense polo tanto ese preto do 10% dos nosos residuos compostos por entullos de obras menores dos nosos domicilios, aparatos electrónicos e electrodomésticos, pinturas, vernices e disolventes, rodas, baterías, mobles e aparellos, téxtiles, e calzado, lámpadas, colchóns etc.

 

Algúns destes residuos son inertes, como os entullos, outros son moi contaminantes como pinturas e disolventes e outros son tan heteroxéneos que a súa xestión resulta complexa, como os aparatos electrónicos. Por todo iso asociados aos puntos limpos existe unha rede de xestores autorizados para cada tipo de residuo. O importante é que nunca, como sucede agora en Vigo cunha tonelada diaria, estes residuos de difícil xestión se mesturen co resto pois dificultan a súa separación selectiva e achegan novos contaminantes aos vertedoiros e incrementan, aínda máis, a toxicidade das incineradoras.

 

Poden parecerse residuos inocentes, pero convén recordar que por exemplo tras un simple teléfono móbil usado que tiramos ao lixo se esconden guerras, fames, violacións sistemáticas de dereitos humanos, especies ao borde da extinción e unha sistemática destrución ambiental no centro de África. Moitas veces nos nosos colectores de lixo reflíctese un mundo próximo pero descoñecido que preferimos ignorar aínda que non exista vasoira de platino que sexa capaz de varrelo da realidade.

 

 Quizais resulte estrano afirmar esta carencia de puntos limpos porque ao parecer en Vigo existe un. Eufemisticamente o Concello denomina como punto limpo ao depósito para residuos electrónicos que ten habilitado nun recanto do parque central de servizos, aínda que normativa en man pouco ten que ver ese lugar de almacenamento cun auténtico punto limpo por moito que se lle poña tal nome para aparentar.

 

Se optamos por facer piruetas semánticas e denominar como puntos limpos ao que en realidade non o son tamén poderiamos dicir que Vigo conta coa rede galega máis extensa destes, certamente un pouco informal pero ben distribuída ao longo do seu cinto periurbano, constituída polos máis de vinte vertedoiros incontrolados que cada ano se detectan no termo municipal.

 

A pesar dos oito puntos limpos que se contemplan no plan de urbanismo aprobado fai cinco anos, os recén aprobados e inmediatamente modificados presupostos municipais non reflicten partida presupostaria ningunha para a súa instalación, polo que tampouco en 2012 Vigo contará con eles, cousa que resultaría complicada se tamén se aplicara a promesa electoral, ou máis ben electoralista, de rebaixar un 10% o recibo do lixo, cousa que tampouco se reflicte nas contas deste ano. Posiblemente uns meses antes das seguintes eleccións municipais descubramos a política Keynesiana aplicada aos residuos urbanos que permita rebaixar o recibo do lixo creando simultáneamente os prometidos puntos limpos. Aos pouco perspicaces en doutrinas económicas escápasenos tal cuadratura do círculo, pero para iso doutores por Cambridge ten o Concello de Vigo.

 Para como solucionalo:


En materia ambiental hai poucas cousas máis revolucionarias que limitarse a cumprir a lei. A normativa, neste caso difusa pois depende dos Concellos, aconsella que como mínimo se debería contar cun punto limpo por cada 50.000 habitantes, polo tanto un mínimo de seis no caso de Vigo.
O principio de priorizar a redución da nosa xeración de residuos aplícase especialmente neste caso.

Non se necesita buscar ningunha solución para resolver un problema se previamente evitamos provocar ese problema. Polo tanto procuremos reducir a nosa xeración de residuos, incluída aqueles susceptibles de enviarse a un punto limpo.

Necesitamos que se instalen puntos limpos, e mellor un por barrio e parroquia, e educar á cidadanía para que se comprometa a utilizalos responsablemente. Loxicamente a xestión e mantemento destas instalacións ten un custo aínda que non resulta especialmente cara, aproximadamente 120.000 euros anuais, pero novamente o problema non é tanto a falta de diñeiro coma as prioridades para gastar eses recursos. Só un 1% dos euros investidos en beirarrúas nos últimos catro anos na cidade de Vigo serían suficientes se de verdade os puntos limpos fosen unha prioridade. Pero tamén é de xustiza denunciar o oportunismo de quen só se acorda do medio cando o poden utilizar como arma política.


A mesma oposición do Concello que insistentemente reclama agora con tanta urxencia os puntos limpos en Vigo. Cantos crearon nas súas etapas de goberno municipal?

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Residuos
Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe
UsaR y no tiRaR

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Teléfono e Fax [+34] 988 374318 - Rúa do Progreso, 91. Galerías Proyflem, entreplanta, local 9B. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.