| 3 de Xullo: Día Sen Bolsas |
| Escrito por Maria Durán |
| Venres, 03 Xullo 2009 06:47 |
![]() Co motivo do ‘Día sen bolsas’, Amigos da Terra arranca unha nova campaña co fin de reducir o uso das bolsas de plástico dun so uso e sensibilizar sobre as repercusións sociais e ambientais do seu uso excesivo.
Esta campaña, que leva a cabo en diferentes zonas de España, está dirixida a particulares, municipios, asociacións, comercios e centros educativos e o noso obxectivo é o de conseguir a redución no uso de bolsas de plástico por medio da adhesión aos compromisos propostos pola campaña e a declaración de Zona libre de bolsas. Estes compromisos significan cambios nos hábitos cotiáns de utilización de bolsas dun só uso en función das responsabilidades de cada un dos sectores. Toda a información necesaria e o seguimento dos compromisos atópanse no blog de zonas libres de bolsas. Amigos da Terra ten previsto difundir a campaña entre os diferentes sectores durante os próximos meses. Ademais pretende realizar algunhas accións puntuais a pé de rúa para concienciar á cidadanía e adquirir o seu compromiso particular. En Galicia, Amigos da Terra xa empezou a contactar con algunhas entidades que se mostran receptivas ante os compromisos propostos pola campaña. As bolsas de plástico consomen un 5% do petróleo mundial, teñen unha vida útil de 15 minutos e tardan en degradarse máis de 500 anos. O crecemento dos residuos nos últimos dez anos é moi elevado, ata un 47%, e os principais responsables deste aumento son os envases e as bolsas dun só uso. Estimouse que cada persoa usa unha media de 238 bolsas ao ano, o que significa un total aproximado de 660 millóns de bolsas en Galicia, Só se recicla un 6%, o resto en moitas ocasións acaba en mares e océanos. Ademais de que as bolsas de plástico significan un consumo inxustificado e prexudicial para o medio ambiente, hai que ter en conta que son facilmente sustituibles por sistemas reutilizables como bolsas de algodón, rafia, cestas, carriños da compra, mochilas etc. Neste 3 de Xullo, comprométete e di Non ás Bolsas de Plástico. |


