Portada Novas Amigos da Terra e o C.C.A Ourense Centro anuncian o inicio da campaña ZONAS LIBRES DE BOLSAS
Amigos da Terra e o C.C.A Ourense Centro anuncian o inicio da campaña ZONAS LIBRES DE BOLSAS
Escrito por Montse Fernández   
Luns, 08 Febreiro 2010 11:02

100208_roldazlb

 

Esta campaña arranca co fin de reducir e eliminar progresivamente o uso das bolsas de plástico do comercio ourensán. Eliminar as bolsas de plástico dun só uso é o primeiro paso na redución de residuos e, algúns dos nosos veciños europeos e doutros continentes xa o deron, agora tócanos a nós.

 

 

Esta campaña, que se leva a cabo en diferentes zonas de España, está dirixida a particulares, municipios, asociacións e comercios, e o noso obxectivo é o de conseguir a redución no uso de bolsas de plástico e a súa progresiva eliminación.

 

As bolsas de plástico consomen un 5% do petróleo mundial, teñen unha vida útil de 15 minutos e tardan en degradarse máis de 500 anos. O crecemento dos residuos nos últimos dez anos é moi elevado, estimouse que cada persoa usa unha media de 238 bolsas ao ano, o que significa un total aproximado de 660 millóns de bolsas en Galicia.

 

Ademais de que significan un consumo inxustificado e prexudicial para o medio ambiente, hai que ter en conta que son facilmente substituíbles por sistemas reutilizables como bolsas de algodón, rafia, cestas, carriños da compra, mochilas etc.

 

Por isto, a medida que se decidiu tomar dende o Centro Comercial Aberto foi a de dotar aos comerciantes do centro comercial aberto de Ourense, de bolsas reutilizables, feitas a partir de botellas de plástico recicladas, que distribuirán entre os seus clientes habituais. O obxectivo, é o de ofrecer ao cliente unha bolsa, que poida utilizar en todas as súas compras, evitando así o consumo innecesario delas cada vez que realicen unha compra.

 

Así mesmo, os consumidores, contarán cun cupón que lles será selado cada vez que renuncien a unha bolsa nos establecementos de compra do Centro Comercial Aberto, de xeito que, cando estea cuberto, recibirán un agasallo, que premiará o seu compromiso co Medio Ambiente. Pretendemos así, contando co compromiso dos consumidores e o esforzo dos comerciantes, reducir e, pouco a pouco eliminar as bolsas de plástico do comercio ourensán.

 

Máis información

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.