Portada Novas A política Europea de residuos non se prepara para o futuro
A política Europea de residuos non se prepara para o futuro
Escrito por Maria Durán   
Mércores, 18 Xuño 2008 15:23




A nova Directiva Marco non afronta a problemática de escaseza de recursos e o cambio climático.

Amigos da Terra Europa e a European Environment Bureau (EEB) non están de acordo co voto que tivo lugar o­nte no Parlamento Europeo sobre a revisión da Directiva Marco de Residuos (DMR). O Parlamento aceptou unha resolución preacordada que establece escasos obxectivos de reciclaxe e ningún obxectivo de prevención.

 

Algúns parlamentarios realizaron unha última tentativa de reintroducir os obxectivos iniciais presentados polo Parlamento, máis ambiciosos, pero esta tentativa foi frustrada. Os Estados Membros están agora esperando a ratificación deste acordo, que tomará rango de Lei a finais de 2008.

Nathalie Cliquot, responsable de residuos da EEB, dixo, “Todo o mundo entende que o incremento dos residuos e o desenvolvemento sostible non son compatibles, e a pesar diso, a presión dos Gobernos Europeos levou a pospor os obxectivos de prevención ata 2014. Con todo, solicitouse aos Gobernos a implementación de programas para a redución de residuos, e a Comisión ten a difícil tarefa de asegurar que o levan a cabo. Sería máis sinxelo unha rápida proposta de obxectivos comúns de prevención.”

Dr Michael Warhurst de Amigos da Terra Europa (FOEE) dixo, “Este voto significa para Europa a primeira imposición xeral de obxectivos de reciclaxe; con todo estes obxectivos son escasos para a urxencia que require a escaseza de residuos e o problema do cambio climático. A Comisión debe agora traballar duro para recompilar a información necesaria para que a revisión dos obxectivos en 2014, sexa máis ambiciosa, establecendo as mellores prácticas en toda Europa.”

Os Parlamentarios aceptaron tamén a proposta de reclasificar algunhas incineradoras como “recuperadoras” en vez de métodos de eliminación, unha decisión que ignora a evidencia da contribución da incineración na emisión de gases de efecto invernadoiro . A incineración é inflexible e cara e pode chegar a limitar as taxas de reciclaxe, como reflexa a oposición de Dinamarca ao obxectivo de reciclaxe do 50% debido a que eles xa teñen demasiadas incineradoras. Dada a clara necesidade (e a demostrada posibilidade de alcanzalos) de obxectivos de reciclaxe máis elevados, os Estados Membros non poden investir os seus orzamentos na instalación de caras e inflexibles tecnoloxías de tratamento dos residuos.

A xestión de residuos que expón a UE é finalista, e non está tendo en conta a xerarquía de cinco pasos apoiada por todas as lexislacións europeas (Redución, Reutilización, Reciclaxe, Valorización Enerxética e Eliminación). A prioridade debe ser a prevención, e con todo aprazouse ata 2014, e a segunda prioridade debería ser reciclaxe, con obxectivos máis elevados que os propostos e que ademais son alcanzables, como demostraron varios Estados Membros.

Amigos da Terra e a EEB están tamén preocupados porque os Parlamentarios apoiaron unha imprecisa definición de subproducto, que pode levar que algúns materiais, actualmente clasificados como residuos, escapen dos controis de seguridade.
 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.